7 de ago. de 2020

TOMIÑO

PROTOCOLO NOS CENTROS EDUCATIVOS  FRONTE Á COVID 19

As concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE presentaron unha moción propoñendo súa revisión

 

Violeta De Santiago e Mirta Misa, concelleiras do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño

Infogauda / Tomiño

 Para o seu debate, e aprobación se procede, no pleno ordinario correspondente ao mes de agosto, o Grupo Municipal do Partido Socialista de Galicia - PSOE no Concello de Tomiño, presentou esta semana unha moción sobre a revisión do protocolo nos centros educativos fronte á COVID 19”. 

 No pasado mes de xullo, as Consellerías de Educación e Sanidade fixeron público as liñas xerais do protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitarios de Galicia á nova realidade para o comezo da actividade lectiva no mes de setembro. 

 Este texto, do que cuxa difusión [pola Xunta de Galicia] retrasouse  por motivos claramente electorais, limítase a establecer normas sanitarias de ocupación de edificios e celebración de reunións sen ter en conta a realidade do ensino público e da propia comunidade educativa. Non hai investimento e adáptanse ata o insulto as necesidades sanitarias con tal de non achegar máis persoal tanto docente coma non docente. Deixa en mans das direccións a responsabilidade da organización e a xestión dun problema que é estritamente sanitario. As direccións non son especialistas nesa materia nin teñen que ser responsables do que ocorra nese ámbito, afirma Violeta De Santiago, concelleira portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño.

 No protocolo, entre outras cousas - indica Violeta De Santiago -, se observa que a distancia dun metro de separación nas aulas é absolutamente insuficiente segundo as recomendacións que se están a ver publicadas para a cidadanía en xeral. Mesmo dase a paradoxa de esixiren 1,5 metros nas salas de profesorado mentres que o alumnado estaría a un escaso metro de distancia. Tamén basea a estratexia sanitaria na auto diagnose de alumnado e/ou familias. Feito  absolutamente irresponsable porque permite que a falta involuntaria na comunicación dunha pequena sintomatoloxía poida levarnos a contaxios e paralizacións do sistema. Converte aos centros escolares en meros “aparcamentos” cheos de normas de funcionamento con porcentaxes de ocupación de baños (hainos para cada grupo burbulla?), corredores, entradas, saídas… para logo permitir a permanencia nas aulas, no transporte ou nos comedores escolares

 Ao especto, a portavoz do Grupo Munipal Socialista engade: Non se pode permitir que sexa o alumnado quen se encargue dos labores de hixiene. Non se trata de que non deban aprender a facelo senón que a súa inexperiencia fará que sexan ineficaces ou polo menos dubidosas. A limpeza dos centros debe estar sempre en mans de profesionais. 

 En canto á atención á diversidade, como se vai acadar que un neno/a con TDAH permaneza cinco horas sentado na súa aula mirando cara adiante? 

 Non se especifica como se vai a asegurar a atención permanente do alumnado nos casos en que non se poida asistir ás aulas durante un período indeterminado ou nun hipotético peche das instalacións. A fenda dixital segue a estar aí. Non se resolve cunha semana de formación para todo o profesorado ou con quince días para o alumnado. 

 Tampouco hai unha previsión sobre os custes económicos das medidas sanitarias para as familias nin para os propios centros educativos

 Dese xeito, Violeta De Santiago non dubida en referir: Poderianse escribir outros noventa e nove folios, como fixo a administración educativa, pero todo lévanos ao mesmo sitio: a Consellería de Educación ten que asumir a responsabilidade directa do que se decida e asegurar un cumprimento igual en toda Galicia. Así como a implementación de distintas medidas que redunden no benestar do persoal e o alumnado como sería o incremento da distancia social coa disminución das ratios por aula, a necesidade da contratación de máis persoal (docente, persoal coidador…) ou a inversión en medios materiais. 

 E debido a que a poboación escolar deste Concello é moi significativa, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño propón á Corporación Municipal instar ás Consellerías de Educación e Sanidade á retirada do actual protocolo e a apertura de canles de diálogo coa comunidade educativa (axentes sociais, profesorado, familias) que permitan consensuar un documento eficaz e realista coas necesidades dos centros educativos. Tamén solicita esixir á Xunta de Galicia e por ende á Consellería de Educación, á inversión en recursos humanos e materiais para asegurar a necesaria seguridade física e psicolóxica do alumnado, do profesorado e das propias familias, en resumo, da totalidade da comunidade educativa e o resto da poboación. E, finalmente, requerir á Consellería de Sanidade a creación dun departamento eficaz de coordinación e asesoramento de centros cun funcionamento real e que responda en tempo e forma ás inquedanzas dos centros educativos.  

 Así mesmo, as socialistas aplauden a petición trasladada polos representantes das ANPAS  de implementar os Camiños Escolares no IES Antón Alonso Ríos e que se fagan realidade os xa proxectados no CEP Pedro Caselles Beltrán e CEIP Pintor Antonio Fernández.  

 Por outra banda, en canto á aula de Estudoo “parécenos unha idea fantástica pero entendemos que debe ser un complemento da Biblioteca Municipal prometida dende fai trece anos e que non da chegado. Ao mesmo tempo, xúrdennos serias dúbidas con respecto a ela: quen se fará cargo da desinfección dos equipos e do mobiliario? Quen será o persoal que estará ao cargo da mesma? Crearase a figura dunha conserxe?”

Ningún comentario:

Publicar un comentario