17 de ago. de 2020

TUI

O BNG apoia aos veciños de Caldelas 

Ante o atentado ao patrimonio do acueduto do Pontillón

 

 Carme Núñez, voceira municipal do BNG de Tui

Infogauda / Tui

 "O BNG considera gravísima a actuación da Confederación Hidrográfica derrubando o acueduto do Pontillón, de valor patrimonial importante e esixe a súa restitución e recuperación integral". Esa é a valoración que sobor dos referidos feitos fai Carme Núñez, voceira municipal do BNG de Tui.

 "Feitos irresponsábeis como este - engade Carme Núñez - vense favorecidos pola falta de catalogación e posterior vixilancia e conservación dos elementos patrimoniais das nosas parroquias, que constitúen unha riqueza digna de actuacións decididas para a súa posta en valor e divulgación".  

 Como lembra súa voceira municipal no Concello de Tui "o BNG xa presentara unha moción no pasado pleno de maio, na que se incidía nesa necesidade de catalogación, recuperación e posta en valor do rico patrimonio parroquial. A moción foi aprobada por unanimidade, mais o goberno municipal aínda non fixo nada ao respecto.  

 A pesar disto, neste caso o BNG ponse a disposición do goberno municipal e dos grupos políticos da corporación, xunto cos veciños de Caldelas, para levar a cabo as accións que sexan precisas para conseguir a inmediata restitución, recuperación e conservación do elemento patrimonial espoliado".  

 Por último Carmen Núñez adianta que "ademais, continuaremos esixindo ao goberno do PSOE unha decidida actuación na defensa do noso patrimonio, que pasa por cumprir o acordo municipal aprobado a instancias do BNG".   

Ningún comentario:

Publicar un comentario