1 de ago. de 2020

TUI

Medio Ambiente destinará máis de 65.000 euros a promocionar o turismo sostible e os valores naturais do Monte Aloia  

A Consellería vén de adxudicar o servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sostible e de educación ambiental neste parque natural durante os vindeiros dous anos  

O contrato está cofinanciado pola UE nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020

Infogauda / Tui 
 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación, promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental no parque natural do Monte Aloia (Tui) por un importe total de 65.143,38 euros, IVE incluído.
 A finalidade principal desta actuación, cofinanciada nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020, é a contratación dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas que contribúan á concienciación ambiental da sociedade e a un mellor coñecemento dos espazos incluídos na Rede de Parques Naturais de Galicia.
 De feito, o contrato licitouse o pasado mes de marzo dividido en seis lotes: un por cada un dos seis parques naturais existentes en Galicia. Da prestación do servizo de promoción e divulgación dos valores do Monte Aloia encargarase a empresa Oficina Técnica Demontes SLU, que acaba de resultar adxudicataria do contrato por un período de 24 meses.
 Entre as actividades que terá que desenvolver para acadar este obxectivo figuran campañas, actividades e obradoiros de educación, sensibilización e divulgación ambiental, conservación da natureza e Rede Natura 2000 que se impartirán fundamentalmente no Centro de Visitantes do Monte Aloia, en Tui, coñecido como Casa Forestal Enxeñeiro Areses.
 Cómpre precisar que este tipo de instalacións, pertencentes á Xunta, están localizadas en lugares estratéxicos dos parques naturais e contan cun conxunto de equipamentos que responden ás necesidades do público que acode ao lugar en busca de información de interese sobre o espazo natural e os seus valores, polo que resultan idóneos para albergar estas accións. En todo caso, a empresa responsable do servizo tamén poderá realizar algunhas das actividades previstas no contrato en colexios, institutos ou centros sociais localizados no propio concello no que se localiza o parque ou noutros puntos da comunidade.

Unha rede con máis de 40.000 hectáreas

 A Rede de Parques Naturais de Galicia conta cunha extensión de 40.661,8 hectáreas e está integrada actualmente polos seguintes espazos protexidos: Monte Aloia; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Baixa Limia Serra do Xurés; Invernadeiro; Serra da Enciña da Lastra; e As Fragas do Eume. Todos eles teñen en común que foron declarados no seu día parque natural, ademais de pertencer á Rede Natura 2000.
 Os nove centros de visitantes e puntos de información dos parques galegos ofertan toda unha serie de actividades didácticas e interpretativas que se complementan con visitas e itinerarios, ás veces guiados, polo propio espazo natural. Con todo, segue detectándose certo descoñecemento entre a poboación tanto da Rede Natura 2000 como da rede galega de espazos protexidos en cuestións relativas á súa finalidade, aos beneficios que proporcionan aos cidadáns ou a como se pode contribuír á súa preservación.
 Por iso e no exercicio das competencias que ten atribuídas a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en materia de conservación, protección e promoción dos parques naturais, considerouse necesario licitar este servizo co obxectivo de aumentar o coñecemento da sociedade acerca do seu potencial para impulsar un turismo de natureza sostible e xerador de emprego e riqueza, dos beneficios ambientais que proporcionan e da súa importancia clave como recurso de desenvolvemento económico da poboación local, ao tempo que contribúen a xerar unha maior concienciación ambiental pola vía educativa.
 Deste xeito, o resultado que se pretende acadar durante os dous anos de execución inicialmente previstos no contrato é triplo: mellorar o coñecemento dos parques naturais de Galicia e da súa Rede Natura 2000; enriquecer a oferta de uso público dos parques mediante a potenciación do seu atractivo turístico; acadar unha maior sensibilización ambiental da sociedade galega en xeral e dos visitantes destes espazos, en particular; e incrementar o número de visitas aos parques naturais como mecanismo que contribúa tamén á reactivación económica das súas áreas de influencia.

O primeiro parque natural de Galicia

 Declarado en 1978, o Monte Aloia, con apenas 746 hectáreas, foi o primeiro parque natural de Galicia. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro.
 As súas particulares características fan que o seu Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) –aprobado a comezos deste ano- se fixe o reto de ampliar a proxección deste espazo natural cara á sociedade. Así, aspira a convertelo nun exemplo de xestión da auga e dos hábitats asociados, xa que no Aloia nacen cinco correntes fluviais e tamén é unha zona de recarga de acuíferos.
 Na mesma liña, resalta o potencial deste parque para postularse como un espazo no que se desenvolven modelos de explotación silvícola do monte comunal que, ademais de rendibles e sostibles, tamén poden ser compatibles coa conservación da biodiversidade. Ademais, planifícanse medidas orientadas a restaurar os hábitats naturais do monte, contribuíndo a diminuír o risco de incendios e incrementar a resiliencia do conxunto fronte ao lume.

Ningún comentario:

Publicar un comentario