1 de ago. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia impulsa a mellora da eficiencia enerxética de 28 centros de saúde da Comunidade  

As Consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Sanidade firmaron un acordo marco cun orzamento de 1,5M€ para desenvolver proxectos de enerxías renovables térmicas que permitirán aforros anuais de 100.000 euros

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña na sinatura do acordo marco
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, impulsan un acordo marco para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables nun total de 28 centros de saúde da Comunidade que permitirán mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e importantes aforros nas súas facturas enerxéticas.
 O acordo conta cun orzamento de 1,5M€, dos que 1,2 serán financiados polo Inega, e permitirá ao Sergas aforrar ao redor de 100.000 euros anuais nos custos enerxéticos grazas ao desenvolvemento de 25 proxectos de biomasa e outros tres de aerotermia.
 En concreto, substituíranse os sistemas actuais que utilizan gasóleo, propano e acumuladores eléctricos por caldeiras de biomasa nos seguintes centros: Caranza, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Pedroso, Pontedeume, Serantes e San Sadurniño (na área de Ferrol); o centro de Ponteceso e o PAC de Carballo, na área da Coruña; os centros de saúde de Bertamiráns, Boiro, Ordes e Val do Dubra, na área de Santiago; A Guarda, Coia, Cangas, Teis e Mondariz, na área de Vigo; e Navia, Ourol, Pontenova, Chantada e Pastoriza, na área de Lugo. Ademais, realizaranse instalacións de aerotermia nos centros de saúde de Vilamartín de Valdeorras, Arnoia e Cartelle en Ourense.
 Este acordo enmárcase nos proxectos de enerxías renovables que a Xunta está impulsando en edificios da administración pública autonómica, como xa se fixo coa sinatura doutros acordos marco coas Consellerías de Educación, de Política Social ou de Turismo dentro da aposta decidida do Goberno galego por fomentar un cambio cultural no que se prioricen tanto o uso das enerxías renovables como actuacións e hábitos tendentes ao aforro enerxético. Deste xeito, ademais destes proxectos tamén se convocan axudas dirixidas a familias, empresas e entidades locais e sen ánimo de lucro.
 Neste sentido, destaca a Estratexia da biomasa posta en marcha no ano 2014, co obxectivo de promover o uso deste recurso limpo, autóctono e renovable co que se conseguen aforros de ata o 60% con respecto a outras fontes de enerxía como o gasóleo, ademais de poñer en valor o monte galego, favorecendo a xestión forestal. Esta Estratexia xa ten permitido, no período 2014-2019, apoiar a instalación de 7000 caldeiras con aforros de 14M€ anuais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario