Chega este xoves ao Rosal o espectáculo do Circo Chosco:‘Riscando o ceo’
A función comezará as 20.00 horas no torreiro de San Xián, xusto antes do concerto do ensemble dos saxos ‘Emilio Rodríguez’ previsto para as 21.00
Infogauda / O Rosal
Este xoves 13 de agosto a veciñanza do Rosal terá a oportunidade de desfrutar da actuación do Circo Chosco, un espectáculo circense pensado para todos os públicos pero que sen dúbida fará as delicias dos máis cativos e cativas. A actuación está encadrada dentro da programación cultural do Concello do Rosal para o verán e terá lugar ás 20.00 horas no torreiro de San Xián. A entrada será de balde ata completar o aforo e terá unha duración de 45 minutos.
Nesta ocasión o Circo Chosco interpretará a función ‘Riscando o ceo’, un espectáculo que nos leva a un mundo cheo de humor, maxia, risco, malabares, acrobacias e equilibrios imposibles, cun ton absurdo e reflexivo que procura que nos cuestionemos o fondo das cousas. Inspirado pola mundialmente coñecida obra de Antoine de Saint-Exupery, Riscando o ceo é un espectáculo moi visual que mergulla ao espectador nunha viaxe que vai dende a risa ao perigo.
Ao remate da actuación do Circo Chosco, ás 21.00 horas, comezará no propio torreiro de San Xián o segundo dos concertos de ‘O Rosal Cámara Fest’, protagonizado polo ensemble de saxos ‘Emilio Rodríguez’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario