A Deputación de Pontevedra reafirma o seu liderado medioambiental cunha iniciativa pioneira para a reciclaxe e reutilización do lixo electrónico en 11 concellos da provincia
Carmela Silva lanza a campaña informativa do proxecto europeo Estraee, que nace para frear o impacto duns residuos en crecemento exponencial e extremadamente contaminantes
Carmela Silva estivo acompañada dos representantes
dos 11 concellos que pasan a contar cun ecocentro
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
Impulsar a economía circular e frear o grave impacto que están a
producir os Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), tamén coñecidos
como o "lixo electrónico", é o obxectivo da campaña que a presidenta,
Carmela Silva, presentou hoxe fronte ao Pazo Provincial acompañada dos
representantes dos 11 concellos que vanse beneficiar directamente desta
nova e singular iniciativa medioambiental impulsada pola Deputación de
Pontevedra.
A provincia de Pontevedra volve converterse así
nunha nova referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección
do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030. Un paso que se suma
ao liderado que xa exerce dende 2015 en materia de tratamento de
residuos orgánicos a través do Plan Revitaliza, ou ás campañas
realizadas contra a contaminación mariña a través dos microplásticos ou o
impacto das cabichas nas praias, ademais da recente certificación da
xestión medioambiental do Pazo Provincial por parte de Aenor. Nesta
ocasión, o obxectivo son os RAEE, uns residuos extremadamente
contaminantes, en crecemento exponencial e que están a supor xa un grave
problema.
Carmela Silva estivo acompañada dos representantes
dos 11 concellos que pasan a contar cun ecocentro, gracias á adaptación
integral de 9 puntos limpos (Vilagarcía de Arousa, Meaño, A Lama,
Silleda, Ponteareas, A Guarda, Gondomar, Nigrán e o da Mancomunidade do
Morrazo, que dá servizo dende Aldán aos concellos de Cangas, Bueu e
Moaña). O proxecto supuxo un investimento total de 2.145.000 euros no
marco da estratexia europea Estraee.
A campaña informativa consiste na instalación de totems nas sedes de
cada un dos concellos. Nos soportes ofrécese información abundante
sobre os beneficios globais de tratar adecuadamente este tipo de lixo co
obxectivo de incrementar a eficacia da súa recollida. "Queremos que a
cidadanía saiba onde e como depositar este tipo de aparellos para que
sexan reciclados, reutilizados e darlles unha segunda vida", remarcou
Carmela Silva, quen definiu o reaproveitamento de cada elemento como "un
xesto que contribúe a frear o cambio climático".
Para axilizar o
depósito dos dispositivos máis usuais (con independencia de que poden
entregarse tamén no punto limpo) colocaranse tres caixas de recollida en
cada concello destinadas especificamente aos teléfonos móbiles e
"tablets" por un lado, as pilas polo outro e, finalmente, os cargadores.
O resto dos RAEE (todo tipo de aparellos domésticos que funcionen con
corrente, como electrodomésticos, dispensadores de aire acondicionado,
impresoras, aspiradoras, pranchas, secadores de pelo, etcétera) deben
entregarse directamente no punto limpo, ou ben solicitar a súa recollida
por parte das empresas concesionarias. A campaña tamén facilita estas
xestións ofrecendo os teléfonos de contacto e os horarios. As persoas
que queiran participar na campaña e se acheguen para informarse
recibirán como agasallo unha bolsa de tea que contén un chaveiro
cargador, libreta e bolígrafo coa imaxe do proxecto Estraee.
Durante o acto de presentación da campaña tomaron a palabra Antonio
Lomba, alcalde de A Guarda; Jorge Canda, alcalde de A Lama; Ramón Tilve,
tenente de alcalde de Meaño; Rosa María Covelo, concelleira de
Ponteareas; Lino Mouriño, concelleiro de Vilagarcía; Xosé Leal,
concelleiro de Bueu; Pilar Peón, concelleira de Silleda; Odilo Barreiro,
concelleiro de Moaña; Cristina Dosil, concelleira de Nigrán e Brais
Misa, concelleiro de Gondomar. A presidenta Silva amosou a súa emoción e
recoñecemento tralas intervencións, nas que se citou unanimemente o
papel da Deputación de Pontevedra na vangarda da defensa do medio
ambiente. "Non basta con deixar a nosa contorna como a recibimos, senón
que debemos deixala mellor porque téñense cometido xa demasiados erros",
afirmou.
A presidenta Silva destacou que con esta iniciativa,
xurdida dende o mundo local para atallar un problema global, contribúese
tamén a frear os vertedoiros incontrolados, que facilitan o vertido de
elementos tan contaminantes como o chumbo, arsénico ou mercurio. "As
Administracións públicas non podemos mirar para outro lado", insistiu.
Neste eido, Silva destacou que os RAEE "non son lixo; son recursos, e
está nas nosas mans darlles unha nova vida", remarcou. Unha mensaxe que
reforzou con exemplos tan concretos como que 500 ordenadores vellos
poden converterse en 2.000 metros de tubaxe de cobre, o vidro dos
monitores e pantallas vellas pode transformarse en vaixelas e asfaltos, a
reciclaxe dun tubo de fluorescente evita contaminar a auga que conteñen
20.000 botellas de 1,5 litros, o chumbo dunha soa TV pode contaminar
toda a auga que abastece a Pontevedra ou, finalmente, que os gases
contaminantes que contén un frigorífico sen reciclar equivalen a 24
viaxes en coche de Pontevedra a Madrid.
Carmela
Silva puxo tamén contexto á importancia desta iniciativa explicando que
tan só un 17,4% do lixo electrónico se recicla na actualidade. O seu
volume disparouse un 21% nos últimos 5 anos. O ano 2019 marcou un récord
mundial con 53,6 millóns de toneladas de RAEE, máis que o peso agregado
de tódolos adultos europeos. Os informes falan de que acadaremos os 74
millóns de anuais de lixo electrónico en 2030, dobrando as cifras de
2014. Finalmente, indicou que é moi probable que haxa unhas 50 toneladas
de mercurio sen controlar nos residuos vertidos irregularmente nos
últimos anos. "Queda claro o terrible dano que fan estes utensilios
cando deixamos de usalos".
O proxecto Estraee (Estratexia
Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos
Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros.
Está soportado ao 75% polo fondo Feder, que achega algo máis de 1,6
millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os
536.381 euros restantes (a Deputación destinou 227.000 euros do seu
propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e
EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario