26 de ago. de 2020

O ROSAL

Unha unidade móbil de doazón de sangue visitará O Rosal o vindeiro martes 1 de setembro  

Estará na Praza do Calvario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. 

Para maior seguridade, as persoas interesadas en doar poden pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828 

  

Infogauda / O Rosal

 Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia volverá visitar O Rosal o vindeiro martes 1 de setembro. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.  

 Para o Centro de Transfusión a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes. 

 Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir a doar sangue se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese tamén ás persoas doantes agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.  

 Ademais, en cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas novas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Cada unidade conta tamén con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.  

 Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario