O tramo internacional do río Miño estreará novas medidas de xestión fluvial durante a próxima tempada de pesca
As novidades foron propostas no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza POCTEP Migramiño, liderado pola Xunta desde o ano 2017 e que busca protexer e conservar os peixes migradores na conca do Baixo Miño
É a primeira vez que se establece unha base consensuada e común para
xestionar os recursos pesqueiros nesta zona do Miño e nos seus afluentes
galegos e lusos
Infogauda / O Baixo Miño
A tempada de pesca para o ano 2021 comezará con novas normas de
xestión dos recursos no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM). A
proposta foi elaborada no marco do proxecto de cooperación
transfronteirizo POCTEP Migramiño, liderado pola Xunta desde 2017,
financiado con fondos europeos e que ten como obxectivo a protección e
conservación dos peixes migradores nesta conca.
As novas normas
adoptadas de cara ao vindeiro ano van destinadas a protexer as especies
fluviais de interese preferente; en concreto, establécense vedas para o
uso de redes de trasmallo, butrón e cabeceira, cañas e liñas, reducindo o
período hábil de pesca. Tamén se definen por primeira vez cupos e
tamaños no exercicio da pesca recreativa para o salmón (1 exemplar), reo
e troita (8 exemplares), sábalo (1 exemplar) e saboga (5 exemplares)
por pescador e día. No caso de pesca en embarcación duplícanse os cupos,
excepto no caso do salmón, que se mantén sen cambios. Tamén se unifica a
talla mínima para a pesca do reo e da troita en 25 centímetros.
Grazas
ao proxecto Migramiño, esta será a primeira vez que se estableza unha
base consensuada para a xestión dos recursos pesqueiros, co obxectivo de
adoptar medidas e harmonizar criterios á hora de xestionar o
aproveitamento das diferentes especies presentes na conca internacional
do río. Parte destas medidas foron consideradas e aprobadas pola
Comisión Permanente Internacional do Miño para o seu edicto de pesca
2021 e agárdase que o ano que vén tamén sexan de aplicación nos
afluentes pontevedreses do río.
O documento no que se recolle esta
proposta de medidas de xestión comúns para a pesca fluvial no TIRM e os
seus afluentes foi desenvolvido contando coa opinión das
administracións con competencias na xestión da pesca fluvial, expertos
científicos e tamén entidades representantes de colectivos de pescadores
de Galicia e do Norte de Portugal.
Un total de 31 medidas
En
total, acordáronse 31 medidas para lograr unha mellor conservación e
protección do ecosistema fluvial, un aproveitamento óptimo dos recursos
pesqueiros e unha mellor xestión e harmonización lexislativa da pesca
profesional, artesanal e lúdico-deportiva.
Entre as propostas
destacan a creación dun coto internacional de pesca recreativa de
salmón, a restrición do uso do trasmallo na desembocadura do Miño e da
rede de cabeceira, a unificación de cupos de troita e reo e a fixación
de cupo para salmón, saboga e sábalo. Tamén se propón a unificación de
cuotas e tallas mínimas para a troita nos afluentes galegos e
portugueses, entre outras medidas.
Actividade pesqueira no Miño
No
río Miño desenvólvese desde hai séculos unha pesqueira que aínda
persiste na actualidade e que hoxe se concentra fundamentalmente na
angula e na lamprea. Hoxe en día estas especies son un recurso moi
importante para a actividade económica a ambos lados do Miño.
De
feito, existen máis de 400 pescadores profesionais, 250 embarcacións
activas e cerca de 300 pesqueiras en explotación utilizadas por 500
patróns e pescadores. A modo de exemplo, no caso da angula só durante a
tempada 2019-2020 capturáronse 1.756 kg.
Ningún comentario:
Publicar un comentario