Persoal do Sagrado Corazón mobilízase para que a administración concursal corrixa as “falsidades” nas que basea o ERE
Denuncian que o despido de 35 persoas responde a unha estratexia para facilitar a venda da empresa
Infogauda / Vigo
Persoal do colexio Sagrado Corazón do Deza, con sede en Lalín, mobilizouse hoxe diante das oficinas da administración concursal en Vigo para reclamar que se corrixan as “falsidades” coas que se xustifica a necesidade de aplicar un ERE extintivo para 35 persoas. Dende o comité denuncian que os despidos responden a unha estratexia para desfacerse dos traballadores/as con máis antigüidade co obxectivo de facilitar a venda da empresa.
A representación dos preto de 60 empregados/as do Sagrado Corazón intentou hoxe sen éxito ser recibida polos administradores concursais para trasladarlles as súas demandas, entre elas coñecer as directrices organizativas e pedagóxicas ante o inminente reinicio do curso escolar tendo en conta o contexto sociosanitario derivado da Covid-19.
Mais tamén lles reclaman que corrixan as “falsidades” recollidas no informe no que xustifican a necesidade de aplicar un ERE extintivo para 35 persoas, como o recorte de seis unidades no centro (cando en realidade son tres) ou a suposta falta de competencia lingüística e en novas tecnoloxías do profesorado afectado, “cando non se fixo proba ningunha”.
Unha representación do comité accedeu ao interior da sede de Lener Asesores, na rúa Colón de Vigo, coa intención de manter unha xuntanza coa administración concursal, mais unha vez alí aseguráronlles que non se atopaba ningún responsábel. Diante disto, optaron por rexistrar un escrito no que se recollen as súas principais demandas. Mentres, no exterior do inmoble un grupo de traballadores/as do centro e de delegados/as da CIG desenvolvían unha concentración, durante a que despregaron unha faixa na que se podía ler “En defensa dos postos do traballo” e berraron consignas como “Lener, escoita, estamos en loita” ou “Non ao ERE”.
Estratexia planificada
Ao remate da protesta, tomou a palabra Xosé Nogueira, da CIG-Ensino de Pontevedra, quen explicou que hoxe mesmo recibiron a comunicación da apertura da fase de liquidación da empresa e do inicio da negociación do ERE extintivo. Neste senso, anunciou a celebración dunha asemblea de traballadores/as a partir do luns para analizar a situación e consensuar as directrices coas que encararán as negociacións coa empresa. Nogueira denunciou que detrás do ERE agóchase unha “estratexia planificada” para despedir o persoal con máis antigüidade co obxectivo de “vender a empresa nas rebaixas” e recuperar así os dous millóns de débeda derivados da “mala xestión” da propiedade do Sagrado Corazón. “Non pode ser que sexan os traballadores/as os que unha vez máis paguen as consecuencia, polo que daremos a batalla para que non se perda nin un só posto de traballo, porque está claro que despois destes despidos virán máis”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario