A Deputación de Pontevedra aprobou novas achegas aos concellos por 2,1 millóns para infraestruturas e actuacións de desenvolvemento sostible
Dentro do Plan Concellos aprobáronse investimentos por 1,6 millóns de euros que irán destinados a dez municipios da provincia
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego na rolda de prensa de onte
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, deu conta onte venres dos novos investimentos aprobados pola Xunta de Goberno,
presupostados en 2,1 millóns de euros e enmarcados na "aposta
medioambiental e de apoio aos concellos" que mantén a institución, en
aras de acadar unha provincia referenciada no desenvolvemento sostible.
Da citada cantidade, 1,6 millóns corresponden a achegas do Plan
Concellos que están destinadas a dez municipios, mentres que case medio
millón (492.000 euros) permitirán a cinco concellos desenvolver
proxectos de eficiencia enerxética, coa substitución das caldeiras de
gasóleo por biomasa.
No que se refire ao Plan Concellos,
a presidenta explicou que as achegas aprobadas da liña 1 de
Investimentos (1,2 millóns) permitirán aos municipios de Cangas, A
Guarda, Bueu, Silleda, Ponteareas, Mos, Cambados, O Rosal e Meaño
realizar distintas obras de "acondicionamento e mellora de servizos
urbanísticos, pavimentación, restauración e mellora da seguridade viaria
entre outros".
Máis polo miúdo, destínanse 116.688,61 euros para financiar a renovación do pavimento en varías rúas do concello da Guarda, mentres que Cangas recibirá 78.806,70 euros para mellorar as instalacións e a accesibilidade da biblioteca do Seixo-Darbo-Cangas. Pola súa banda, Bueu contará con 112.138,45 euros para acometer a segunda fase da restauración do estaleiro de Banda do Río e Cambados terá unha achega de 62.106,54 euros para a mellora dos servizos urbanísticos da rúa Manuel Murguía. Así mesmo, para O Rosal aprobouse unha subvención de 161.261,01 euros que serán empregados para o acondicionamento do mercado de abastos.
A lista de investimentos complétase coas achegas que recibirán Ponteareas
(61.359,97 euros), para acondicionar un camiño na parroquia de Santiago
de Oliveira e para acometer o ensanche e pavimentación do lugar de
Outeiro de Castro; Silleda (250.000 euros), para financiar a mellora de vías municipais do concello e Mos, que recibirá 318.739,32 euros ao fin de mellorar a seguridade viaria nas parroquias de Guizán e Tameiga. Por último, Meaño
contará cunha achega de 73.865,43 euros para financiar a mellora e
pavimentación dos camiños de Coirón a Ganón e de Morouzos a Ganón, así
como o camiño Padrenda de Abaixo e varios camiños na parroquia de Lores.
No marco da liña 3 de Emprego, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou
a modificación, por reaxustes da COVID-19, dúas achegas, por importe de
preto de 445.000 euros, destinadas a Ponte Caldelas e Ponteareas, para contratar a 13 e 39 persoas respectivamente.
Proxectos medioambientais
Doutra banda, no marco da aposta da Deputación "por unha provincia
referenciada no medio ambiente", Carmela Silva destacou hoxe dúas
iniciativas que beneficiarán aos concellos, en concreto as achegas
aprobadas para a substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa,
enmarcadas nos fondos europeos IDAE para proxectos sostibles e de
eficiencia enerxética, así como a renovación do convenio para a retirada
de vehículos abandonados, destinado ao concellos de menos de 50.000
habitantes.
No primeiro caso, a presidenta indicou que trátase
dun investimento de case medio millón de euros para os proxectos de
substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa en cinco concellos, A Guarda, Salvaterra de Miño, Mondariz, Portas e Caldas de Reis.
Son actuacións "de grande interese público que lles permitirán reducir
as súas emisións contaminantes e acadar un aforro enerxético do 25 %".
"Estas obras –manifestou– levan aparellada a redución considerable dos
custos de subministro de gasóleo para as arcas dos concellos. Pero o
máis importante é que teñen grandes beneficios ecolóxicos, xa que
permiten aforros de emisión de CO2 á atmosfera e contribuír
deste modo a atallar as consecuencias da emerxencia climática que
estamos a sufrir debido ao quentamento global". Silva lembrou así mesmo
que a biomasa ten a consideración de enerxía renovable, "un método
eficiente e sustentable, así como máis seguro e limpo". "De feito
–engadiu–, a extracción da biomasa forestal contribúe a ter os montes
máis limpos, o que axuda a previr os incendios, que este ano estamos
volvendo a sufrilos. E ademais reduce os residuos das industrias".
Como explicou, con estas achegas A Guarda vai substituír a caldeira de gasóleo do centro cultural, mentres que Salvaterra de Miño acometerá tres actuacións, coa substitución das existentes no Concello, o centro cultural e no xulgado de paz. Pola súa banda, Mondariz cambiará a caldeira do centro social; Portas, as do edificio da Azucreira, a gardería e o centro de día e, por último, Caldas de Reis substituirá a da piscina.
CONVENIO PARA A RETIRADA DE VEHÍCULOS ABANDONADOS
Doutra banda, a Deputación acaba de renovar o convenio para a retirada de vehículos abandonados
que ofrece aos municipios de menos de 50.000 habitantes, un servizo que
"non supón coste algún para os concellos" e ao que están xa adheridos
43. "Ofrecemos esta prestación –destacou a presidenta da institución–
conscientes do número de vehículos abandonados nos distintos concellos,
coa contaminación ambiental e visual que provoca. Ademais, axudamos con
recursos aos concellos para poder levar a cabo este servizo de
competencia exclusivamente municipal".
O servizo consiste na
recollida destes vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de uso
–para o que previamente os concellos deben tramitar a súa declaración
como residuo sólido urbano– así como o posterior tratamento de
descontaminación. Carmela Silva explicou que os 43 concellos adheridos
terán agora que renovar o convenio, mentres que a Deputación abre a
posibilidade agora de que os municipios restantes de menos de 50.000
habitantes poidan sumarse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario