31 de ago. de 2020

CULTURA

Anxo M. Lorenzo presenta o ciclo 'Camiño de Cantares' con dous libros-cd e nove concertos en localidades da ruta xacobea  

As publicacións titúlanse ‘Libro de órgano da Catedral de Tui (séc. XVIII)’ e ‘Libro III de Polifonía (séc. XVII-XVIII)’ que serán interpretados este sábado e o 12 de setembro respectivamente

Na presenyación, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo estivo acompañado por Nieves García, da Asociación Ciclo de Música de Barcia de Mera, polo director musical do coro Vox Stellae, Luis Martínez, e polo musicólogo Joám Trillo
Foto: X.G.


Infogauda / Galicia

 O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe Camiño de Cantares, un ciclo de música a través do cal se editarán dous libros-cd que serán interpretados en concerto en espazos relixiosos de localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago. No acto, o director xeral estivo acompañado por Nieves García, da Asociación Ciclo de Música de Barcia de Mera, polo director musical do coro Vox Stellae, Luis Martínez, e polo musicólogo Joám Trillo.

 As publicacións titularanse Libro de órgano da Catedral de Tui (séc. XVIII) e Libro III de Polifonía (séc. XVII- XVIII) e para contribuír á súa divulgación programáronse un total de nove concertos. O primeiro título, a cargo do organista Joaquín Barreira, presentarase este sábado na Catedral de Tui ás 20,00 h. e a súa serie de concertos proseguirá o 9 de outubro na igrexa de San Rosendo (Celanova) ás 19,30 h., o día 10 na Capela das Ánimas (Santiago de Compostela) ás 20,00 h. e finalizará o 11 de outubro na Colexiata de Iria Flavia (Padrón) tamén ás 20,00 h.

 Os concertos do Libro III de Polifonía (séc. XVII-XVIII) estarán dirixidos por Luís Martínez e comezarán o 12 de setembro na Catedral de Tui ás 20,00 h. Ao día seguinte, as composicións interpretaranse na igrexa de San Pedro (Melide) ás 20,30 h. O 25 de setembro o concerto terá lugar na igrexa de San Francisco (Ribadavia) ás 20,30 h., o día 26 no santuario da Virxe da Barca (Muxía) ás 20,00 h. e o ciclo rematará o 27 de setembro na igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia ás 19,00 h.

 O eixo desta iniciativa é a música vocal, tendo cabida propostas a capella e con acompañamento instrumental. Así mesmo, estas publicacións poñen o foco na música creada para o Apóstolo Santiago, que conta con historias do Camiño ou composta en localizacións xacobeas.

 Organizado pola Asociación Ciclo de Música de Barcia de Mera, Camiño de Cantares enmárcase en O teu Xacobeo, un programa de axudas específicas para a dinamización sociocultural do Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 2021. Este programa reflicte o carácter participativo, diverso, descentralizado e sustentable do Ano Santo, xa que é a propia cidadanía a que deseña as súas propostas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario