Concerto da sección de corda da Orquestra Clásica de Vigo
O sábado 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Fortaleza de Santa Cruz
Orquestra Clásica de Vigo
Infogauda / A Guarda
A Orquestra Clásica de Vigo achegará a súa orquestra de corda á vila de A Guarda este sábado día 22 de agosto, na Fortaleza de Santa Cruz, cunha programación baseada no Romanticismo, cuxa selección de pezas levaránnos da obra de Felix Mendelssohn, da que se interpretará Sinfonía para dez cordas, ao postromanticismo inglés de E. Elgar, pasando polo italiano Giovanni Botessini.
O concerto dará comezo ás 20:00h coa Serenata, de E. Elgar, un dos principais compositores ingleses do S. XIX. A súa obra enténdese coma unha ponte entre o Romanticismo e os estilos nacionais, buscando plasmar nas súas pezas as características propias da súa terra e tradición sonora.
Tras esta obra os músicos interpretarán a Elexia, de G. Bottessini, un compositor que realiza esta obra para o contrabaixo, instrumento que en contadas ocasións é posible velo como solista. Esta obra mostra unha rareza e interesante complexidade compensada por un brillante sentido do gusto e da beleza.
A actuación tematará coa Sinfonía para dez cordas, de F. Mendelssohn, unha das figuras máis destacadas do romanticismo pleno, cunha obra pensada para orquestra de corda na que se combina a grandeza característica do estilo coa simplicidade e lixeireza do formato para sección de cordas.
Trátase dun concerto aberto a toda a cidadanía co que gozar da música clásica en contextos inéditos.
Inscrición previa no Centro Cultural (986 611 850 - centrocultural@aguarda.es)
Programa:
Serenata, de E. Elgar
Elexía, de G. Bottesini. Solista: Gustavo Barcia (Contrabaixo)
Sinfonía para dez cordas, de F. Mendelssohn
Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava
Solista: Gustavo Barcia (Contrabaixo)
Actividade divulgativa para rapaces e rapazas
A Orquesta Clásica de Vigo quere ofrecer unha actividade paralela ao concerto para achegar a música sinfónica ao público familiar. Trátase dun obradoiro que estará dirixido pola mestra Patricia Pereira e terá como obxecto ofrecer claves para a escoita e compresión da música que se interpretará no concerto. O obxectivo desta actividade de mediación parte do interese de achegar ao público familiar a este arte.
Esta actividade integrará á orquestra empregando a proba de son, como elemento básico para a comprensión do fenómeno artístico e sonoro que supón contar con 30 músicos, neste caso, interpretando música en directo.
Será presentado o solista, o seu instrumento e a historia do autor, dun xeito aberto e participativo.
Esta actividade contará coa construcción dun instrumento de corda con elementos reciclados para favorecer a comprensión do funcionamento acústico-mecánico da sección que interpretará o concerto.
Grupo: 15 rapaces e rapazas
Idades: 6-8 anos
Lugar: Fortaleza de Santa Cruz
Hora: 18:00
Duración: 40 minutos (aprox.)
Necesidades: Levar máscara e presencia dos pais/nais ou titores para garantir a distancia de seguridade en todo momento.
Entrada de balde previa inscrición no Centro Cultural (986 611 850- centrocultural@aguarda.es)
A Orquestra Clásica de Vigo
A Orquesta Clásica de Vigo nace en 1984, sendo a formación máis antiga de Galicia, apostando dende os seus comezos pola formación e a innovación nos formatos. Polos seus atrís pasaron máis de 300 músicos e moitos deles son, a día de hoxe, artistas de primeiro nivel en orquestras nacionais e internacionais.
A Orquesta Clásica de Vigo é una formación de música clásica que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. Nos seus 36 años de historia as obras interpretadas cóntanse por centos, e nos últimos anos realizou propostas de danza, cine en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas.
A Orquesta Clásica de Vigo non entende de estilos ou etiquetas na súa programación, que se plantexa como un espazo aberto de debate co que realizar novas propostas e atraer a públicos distintos aos da música clásica tradicional.
Manuel Martínez Álvarez-Nava | Director titular e artístico
Nado en Oviedo en 1957. Discípulo do mestre Alfonso Ordieres Rivero, estuda violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias. Posteriormente amplía os seus estudos de viola con Enrique Santiago. Estuda dirección de orquestra co mestre Jacques Bodmer, discípulo do lendario mestre Herman Scherchen.
Foi profesor violista da Orquesta Sinfónica de Asturias “Angel Muñiz Toca” entre 1977 e 1983. Fundador, solista e concertino da Orquesta Universitaria de Oviedo, da que tamén foi director adxunto. Desde o curso 1983-84, é catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo e director titular da Orquesta Clásica de Vigo desde a súa creación en 1984.
Ningún comentario:
Publicar un comentario