"Súmate ao cambio" a campaña para que os homes asuman a corresponsabilidade nos coidados "que sempre estiveron en mans das mulleres"
A Deputación de Pontevedra apela á responsabilidade compartida na atención á infancia, persoas maiores ou dependentes para que as mulleres non teñan que seguir a hipotecar as súas carreiras e a súa saúde
A presidenta agradeceu
ás mulleres da campaña o seu compromiso
Foto: D.PO.
Infogauda / Vigo
As mulleres son o 89% das persoas coidadoras en España e representan
o 95,2% das reducións da xornada laboral para coidar dalgún familiar,
amais de que realizan o 76% do traballo non remunerado de coidados no
ámbito doméstico e público. É unha inxustiza histórica porque son elas
as que hipotecan a súa carreira, a súa saúde e as súas vidas para
ocuparse de persoas maiores, dependentes ou nenos e nenas. Baixo esta
premisa e co obxectivo de poñer o foco na corresponsabilidade nos
coidados, chega "Súmate ao Cambio" a nova campaña da Deputación de
Pontevedra que apela directamente aos homes a que enfronten o gran reto
social da responsabilidade compartida.
"Falamos dunha enorme
transformación social que temos que desenvolver entre todas e todos. A
COVID situou os coidados e a vida no centro e temos que incorporarnos de
forma conxunta, homes e mulleres, á corresponsabilidade. Estamos ante
un reto inaprazable". Así explicou a presidenta Carmela Silva, o
obxectivo desta campaña na sede viguesa, decorada cos paraugas do 8M e
flores dos viveiros do Baixo Miño. Silva, que estivo arroupada por
varias das mulleres e homes protagonistas do audiovisual, recordou que
os coidados son un dos piares do noso estado de benestar, algo que
evidenciou a crise sanitaria. "Sen coidados, o mundo párase, e ata o de
agora recaeron case en exclusiva sobre as mulleres cun alto coste
persoal, de saúde e profesional. Temos que centrar o debate con esta
campaña, para que eles tamén se sumen ao cambio. Os coidados no centro
pero ao 50% e as administracións teñen que tomar medidas. Non haberá
cambio nin revolución nos coidados se eles non se suman".
A
presidenta sinalou que ela xa non fala de conciliación. "Eu falo de
corresponsabilidade. Despois da Covid o que era unha preocupación é
agora unha alerta. Ás mulleres costounos moitísimo saír da casa e ter
unha carreira ou un traballo. E de repente nos falan do teletraballo e
nos volven a meter na casa dicindo que así podemos volver a coidar cando
están pechados centros de día, educativos ou ludotecas. ¿Como imos
cumprir coa nosa actividade profesional? ¿a salto de mata?, preguntou Carmela Silva. Todo isto nos causa moita impotencia e o teletraballo ten que enfocarse con perspectiva de xénero".
O coronavirus mudou as prioridades e reafirmou a importancia do público
ao tempo que deixaba máis en evidencia que nunca as desigualdades
históricas no sistema de coidados. Por elo, mulleres que limpan, que
investigan, que curan, que atenden, que sosteñen o fogar, que traballan
no mar e no campo, que defenden os nosos dereitos, que crean cultura, en
definitiva, mulleres que nos coidan, "esenciais" na crise da Covid19,
son protagonistas da campaña da Deputación xunto a homes "que xa están
comprometidos con este cambio"· A presidenta sinalou que na crise "elas
foron o motor que mantivo en pé miles de fogares, ducias de factorías,
empresas, hospitais, centros de día, ou supermercados. Esta situación
non é nova. As mulleres compaxinan desde hai décadas os coidados coa
investigación biomédica, a medicina, a limpeza dos hospitais, a
protección das rías, a pesca, a creación artística, a defensa dos
dereitos laborais e con proxectos empresariais que crean riqueza na
provincia, pero á vez teñen que sacrificar a vida laboral e social para
atender tamén os coidados. Por iso, engadiu, chegou a hora en que a
corresponsabilidade se incorpore á nosa realidade e que vaia da man
doutras palabras fundamentais para acadar a igualdade como son a
carreira profesional feminina, a inversión en ciencia, a mellora da
sanidade, o emprego ou o salario digno".
A presidenta agradeceu
ás mulleres da campaña o seu compromiso. "Son referentes e nos lembran
cada día as aportacións que realizan as mulleres en tódolos ámbitos
sociais e económicos". Mulleres como María Elena Cartea, directora da
Misión Biolóxica de Galicia; Ana Belén Valiño, secretaria Xeral de
MCA-UGT; Carmen Fernández, a voz das nosas nais e avoas; Rosa Vilán,
mariscadora en Arcade, ou Victoria Besada, directora do Instituto
Español de Oceanografía. "Como elas, foron moitas as que asumiron en
gran medida o coidado e organización dos fogares, dixo Silva, as que se
expuxeron nos hospitais, mantiveron o bo funcionamento da cadea
alimentaria, ou as que atenderon ás persoas maiores nas residencias". A
presidenta provincial recordou que é hora de mudar esta situación. Os
coidados son una responsabilidade colectiva e un reto que temos pendente
de resolver como sociedade. Por iso, dixo, as administracións debemos
traballar e tomar medidas para avanzar máis rápido en termos de
corresponsabilidade".
No acto de presentación en Vigo, ao igual
que no audiovisual da campaña, tamén participaron homes que xa decidiron
sumarse ao cambio para facer efectivo o principio de igualdade, entre
eles o avogado Ángel Piñeiro,o deportista Adrián Alonso, o xornalista
Jacobo Buceta ou Enrique Mallón, de Asime. Carmela Silva agradeceu a súa
complicidade porque "son homes que escoita moita xente e que xa están
convencidos de que os coidados son cosa de todas e todos. Temos que
sumar aos nosos compañeiros de vida aos que lles dicimos que xa non
poden facerse máis o avión e que teñen que sumarse ao cambio".
Ningún comentario:
Publicar un comentario