Rueda di que Feijóo representa a todas as persoas que queren unha Galicia estable
• Pide que ninguén quede sen votar o domingo por medo, porque os colexios electorais son espazos totalmente seguros.
• Sinala que estes tres meses demostraron a necesidade de ter un proxecto serio, un goberno sólido e cohesionado, que sexa libre para gobernar e que non consuma enerxías en enfrontamentos e descoordinacións internas.
Alfonso Rueda, Marta Fernandez-Tapias, Ana Pastor, Jesús Vázquez Almuiña, Jorge Javier Guerra e Moisés Rodríguez, no mitin de hoxe en Baiona
Infogauda / Baiona
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda Valenzuela, pediu hoxe no Val Miñor que ninguén quede sen votar o domingo por medo, porque os colexios electorais son espazos totalmente seguros. Así, recorda que desde o Goberno galego se adoptaron moitas medidas “de máximas”, que fan que votar sexa incluso máis seguros que outras moitas actividades que se realizan cada día e que están totalmente normalizadas, como ir ao supermercado, ao banco ou á farmacia, por exemplo.
Por iso criticou quen, nun xesto absolutamente antidemocrático, está intentando dicirlle á cidadanía que hai algún tipo de risco nos colexios electorais. “É falso, e o que hai que preguntarse é por que teñen tanto interese en insistir na desmobilización”, e pediu que “non deixedes que outros decidan por vós quen queredes que se encargue de xestionar a pandemia económica”.
As opcións de goberno, sinalou, son dúas: un goberno con experiencia, que xa sabe o que é xestionar unha crise económica e que ofrece certezas, fronte a un multigoberno de moitos partidos que non teñen máis en común que querer a toda costa que non goberne o PP. “Feijóo representa a todas as persoas que queren unha Galicia estable”.
Foi durante un mitin en Baiona, onde esta noite pechou a campaña o PP de Pontevedra, e no que Alfonso Rueda estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e outros membros da candidatura popular.
“Nos momentos difíciles hai que elixir aos mellores, e Feijóo demostrou nestes anos a súa capacidade de xestión, tamén en momentos de crise, para devolver a estabilidade a Galicia”, engadiu. Ademais, incidiu en que “os últimos meses demostraron que o apoio do Goberno galego á sanidade pública é real, pero tamén a necesidade de ter un proxecto serio, un goberno sólido e cohesionado, que sexa libre para gobernar e que non consuma enerxías en enfrontamentos e descoordinacións internas”.
Rueda subliñou o traballo de Jesús Vázquez Almuíña e de todos os sanitarios galegos. “A anticipación na toma de decisións e o investimento que se fixo durante os últimos anos nos hospitais, nos centros de saúde, e na modernización da sanidade foron determinantes para que Galicia tivese un mellor comportamento que outras comunidades”, recordou.
E por iso, pediu, non tirar todo este traballo pola borda. “Veñen meses moi duros, e precisamos un goberno unido, que mire cara adiante e non cara aos lados por si o traizoan ou si hai descoordinación entre os seus múltiples socios de goberno”. O Partido Popular, concluíu, é o único partido que pode comezar a traballar desde o primeiro momento, e que garante unha Galicia fiable, estable e ben xestionada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario