Vila Nova de Cerveira e Tomiño presentan unha guía para a promoción conxunta do sector da flor e planta ornamental
A alcaldesa de Tomiño e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira mantiveron esta mañá unha reunión de traballo con representantes das asociacións profesionais
Os rexedores locais dos concellos de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, Fernando Nogueira e Sandra González, na presentación da Guía para a Promoción do Sector Agrario: Flor e planta ornamental
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Os rexedores locais dos concellos de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, Fernando Nogueira e Sandra González, respectivamente, aproveitaron unha reunión de traballo con representantes de asociacións do sector da agricultura de ambos países, para presentar a Guía para a Promoción do Sector Agrario: Flor e planta ornamental, un dos resultados do traballo de dinamización económica transfronteiriza impulsado pola Axenda Estratéxica de Cooperación da Eurocidade.
A edición da devandita guía culmina varias iniciativas de traballo conxunto dos dous concellos, con participación de empresas e centros educativos de ambos os dous lados da fronteira galego-portuguesa do Río Miño. Así, na Mostra de Cultivos do Baixo Miño de 2019 celebrouse un encontro transfronteirizo sobre formación e emprego que reuniu, canda socios de acuBam e APPPFN, o IES Antón Alonso Ríos e a Escola Agraria de Ponte de Lima. Posteriormente, o pasado mes de Setembro, 30 empresas da península e doutros tres países europeos (Reino Unido, Bélxica e Franza) participaron dunha Misión Comercial inversa que explorou posibilidades de negocio e de proxección exterior co tecido produtivo transfronteirizo.
A guía (cuxa publicación estaba prevista inicialmente para a Mostra de Cultivos 2020, que por mor da crise do coronavirus tivo que suspenderse), recolle as conclusións destas actividades e información básica tanto sobre a dimensión do sector no Baixo Miño e no norte de Portugal como sobre os centros educativos e titulacións relacionados coa agricultura no territorio da Eurorrexión. A guía, dispoñible para descarga en https://eurocidadecerveiratomino.eu/economia, informa tamén de eventos como a Mostra de Cultivos do Baixo Miño ou a Lusoflora e dá conta dos esforzos pola innovación das empresas implicadas neste sector produtivo.
Finalmente, un capítulo resume retos e compromisos do sector agrario para un desenvolvemento sostible en base aos 17 Obxectivos establecidos pola ONU neste ámbito. A Guía péchase cun directorio de empresas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a colaboración das asociacións profesionais e expresou o seu desexo de que nas actuais circunstancias de crise sociosanitaria, a guía poida ser útil para impulsar a recuperación da economía na que o sector agrícola vencellado ao viveirismo, a hortofroticultura e a flor cortada ocupa un lugar primordial. “É importantísima a labor que estades desempeñando para xerar esa sinerxia de coñecemento mutuo tan necesaria para mellorar, sobre todo, neste momento fundamental para o desenvolvemento sostible do sector”.
Fernando Nogueira, pola súa banda, felicitou tamén ás dúas asociacións implicadas no proxecto, salientando a importancia do mantemento e ornamentación dos espazos verdes. “Para nós, o desenvolvemento económico debe basearse na complementariedade e non se pode entender sen a colaboración entre institucións públicas, axentes económicos e sociais. Por iso, contar con asociacións profesionais activas e eficaces, como acuBam (Asociacións de Cultivos do Baixo Miño) ou a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) é unha garantía para o futuro económico da Eurocidade”, explicou.
O proxecto Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño está cofinanciada ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Datos do sector, incluídos na guía:
Sector da planta ornamental e flor cortada no Baixo Miño:
Existen 1.103 explotacións dedicadas á produción de horta e flor cortada no Baixo Miño, cunha superficie mínima de 500m2 cada unha. Delas, 721 son hortícolas, 244 producen flor cortada; 72 son mixtas e 37 producen planta ornamental.
O 53% das explotacións hortícolas e o 21% das de flor cortada, declaran superficies de cultivo ao aire libre. A asociación de produtores é a canle de comercialización máis empregada e abarca o 23%.
Séguenlle en importancia as cadeas de distribución (18%) e a venda directa (17%).
Segundo o Mapa de Cultivos, o sector da flor e da planta ornamental en Galicia, representa o 8,41% da produción final agraria, e está especialmente concentrado nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Máis do 30% dos produtores de planta ornamental dedícanse á exportación a fóra de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario