O Concello de Tomiño adhírese á rede Ágora de Concellos polo Espazo Público
A iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra, é unha acción xurdida do departamento de Mobilidade, que dirixe Uxío Benítez
Infogauda / Tomiño
O goberno local de Tomiño adherirase á Rede Ágora, da que forman parte unha serie de concellos que teñen entre as súas prioridades a revalorización do espazo público para disfrute da veciñanza.
A decisión tomouse durante o último pleno de carácter ordinario, celebrado o pasado día 23 de xullo.
Ágora é unha rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía.
Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva.
Os concellos que formen parte desta rede comprométense a realizar políticas de recuperación dos seus espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas nos seus termos municipais.
O obxectivo é que de aquí a xuño de 2023, os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclabeis.
Ágora está promovido e coordinado pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos, dirixida por Uxío Benítez, tamén membro do goberno de Tomiño.
Todos os concellos da provincia de Pontevedra que o desexen, poden sumarse a Ágora, formando parte dunha rede de traballo, intercambio de experiencias e información, e liñas de acción común cara á revalorización dos espazos público. A participación é totalmente gratuíta.
A Deputación de Pontevedra vén destacándose coma unha administración referente a nivel estatal, no que respecta á recuperación do espazo público nas súas actuacións na rede viaria provincial.
Iniciativas coma o Decálogo de Criterios de Intervencións nas Estradas Provinciais, o Plan Movese, a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable, as subvencións aos concellos para elaboración de Camiños Escolares, etc., conforman as liñas de traballo previo, que agora queren consolidarse exportándose aos concellos, a través dunha rede estable de traballo municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario