13 de xul. de 2020

TOMIÑO

O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño reuniuse cunha vintena de novos integrantes  

· Acompañado pola concelleira de Infancia e Mocidade, o grupo abordou temascoma o confinamento, resaltando as dificultades sufridas pola falta de cobertura de internet en moitas parroquias da vila  

· A próxima xuntanza será no lugar de Grixó (entre as parroquias de Barrantes e Tebra), a mediados de agosto    

A xuntanza tivo lugar ao aire libre, na zona do Lago da Pedra
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, de Tomiño, celebrou o venres día 10 de xullo, a primeira reunión despois da pandemia do coronavirus.  

 A xuntanza, que tivo lugar ao aire libre, na zona do Lago da Pedra, foi tamén a primeira para os novos integrantes, unha vintena, a razón de catro por colexio de Primaria e outro tanto do IES Antón Alonso Ríos.  

 Logo dunha rolda de presentación, con xogos e actividades participativas, elixiuse á representante do Consello que actuará coma membro do xurado do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, na sección infantil-xuvenil.  

 Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, relataron a súa experiencia do confinamento, salientando as dificultades de cobertura de internet e telefónicas que sufriron en moitos casos, e que lles dificultaron sensiblemente a elaboración das tarefas requiridas polos docentes.  

 Falaron tamén de como será o vindeiro curso, do moito que botaron de menos aos amigos e familiares, e da data da vindeira reunión. Neste sentido, decidiuse que cada xuntanza será nun puntodiferente da vila, e concretamente a próxima, será no lugar de Grixó (entre as parroquias de Barrantes e Tebra), a mediados de agosto.  

 Na orde do día desa reunión estará o da forma de traballo para o resto do ano, xa que en principio,pensaban traballar dende os coles, elaborando propostas de traballo, pero agoraeste tema depende da evolución das circunstancias orixinadas pola crise sanitaria. A xestión do Instagram e revisión dos estatutos por se fora necesario modificalos, serán outros dous importantes temas a tratar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario