10 de xul. de 2020

TOMIÑO

O Comité das Rexións da Unión Europea publica o Informe das Valedoras sobre o impacto do peche da fronteira do Río Miño  

· O obxectivo do texto é promover medidas de apoio e adoptar mecanismos exclusivos das Eurocidades para evitar situacións como as vividas   

Captura de pantalla da páxina na que aparece a publicación
Imaxe: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Comité das Rexións da Unión Europea @EU_CoR vén de publicar o informe realizado polas Valedoras/Provedoras Transfronteirizas Vila Nova de Cerveira-Tomiño. sobre o impacto do peche da fronteira do Río Miño durante a recente crise sanitaria provocada polo Covid-19.   

 A publicación, titulada "O impacto do peche da fronteira do Miño debido á crise do COVID-19, Vila Nova de Cerveira (Portugal) e Tomiño (España)", pode consultarse (en inglés) na seguinte páxina: https://cor.europa.eu/EN/engage/Pages/covid19-stories.aspx?#340.  

 Na mesma, comézase explicando que "a evidencia dun pasado histórico común entre Galiza e Portugal vese claramente na boa relación actual social, económica, administrativa, comercial e cultural. Neste contexto, novas entidades transfronteirizas, coma a Eurocidade Cerveira-Tomiño ou a AECT Río Miño, promoven a unión das poboacións separadas por apenas 200 metros do río Miño, contribuíndo ao establecemento dun espazo común  con máis igualdade e mellor calidade de vida. Neste contexto, o peche da fronteira durante a crise do COVID-19 provocou cambios significativos nas vidas dos e das residentes da fronteira galego-portuguesa, que nunca se viron nos últimos 30 anos, cortando as súas actividades diarias polo medio. Para reunir e avaliar todos os danos causados, as valedoras/provedoras recolleron información sobre o que significou o peche das fronteiras para unha poboación acostumada a convivir diariamente".  

 Coma se reflicte en dito informe, as alteracións na actividade laboral dos traballadores e traballadoras transfronteirizos polo peche das fronteiras, en termos de distancia, tempo e custos, representa o 45% dos 250 testemuños en primeira persoa, recollidos en apenas catro días a través dun cuestionario publicado no Facebook de Eurocidade Cerveira-Tomiño.   

 En máis de 30 anos, a vida cotiá dos habitantes do territorio transfronteirizo galego-portugués nunca foi tan prexudicada como nos últimos meses de peche das fronteiras, cunha redución da metade de toda a súa dinámica económica e social.   

 Entre as principais perdas mencionadas no informe está o cambio na actividade laboral dos traballadores transfronteirizos da rexión de Miño que, debido á limitación a un único punto de paso na fronteira de Valença do Minho e Tui, véronse obrigados a percorrer centos de quilómetros diarios, máis horas na estrada e aumentos de custos para facer as viaxes necesarias para chegar ao traballo.  

 Neste senso, incluíronse varias historias compartidas que evocan a imposibilidade de usar, durante a crise, servizos esenciais, concretamente educativos (colexios) ou saúde pública (consultas médicas e veterinarias) e a indisponibilidade de servizos ou equipos de ámbito deportivo, comercial ou cultural accesibles ao outro lado do río Minho.  

 O texto aborda os efectos económicos negativos do peche da fronteira, ben ao limitar as relacións laborais e comerciais, cunha redución de ata o 70% nos clientes, perdas de emprego ou dificultade para subministrar material para determinadas empresas, así como polos custos extraordinarios derivados da distancia ao punto único aberto ou á necesidade de alugar residencias provisionais. Non obstante, tamén hai cidadáns transfronteirizos con graves dificultades para manter relacións e coidados familiares (familias separadas, persoas maiores sen antecedentes familiares, entre outras).  

 O obxectivo do devandito informe, agora publicado pola UE, é reducir inmediatamente estas perdas, promover medidas de apoio e recuperación específicas para o territorio e adoptar mecanismos exclusivos das Eurocidades para evitar situacións nocivas como as vividas nesta crise.

Ningún comentario:

Publicar un comentario