23 de xul. de 2020

PONTEVEDRA

Areeiro destaca que a climatoloxía destas últimas semanas facilitou o bo estado fitosanitario das viñas  

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso no que, aínda que apunta que a situación é tranquila, recomenda manter a vixilancia sobre o mildio

En xeral só apareceron puntualmente focos moi illados nos que uns poucos grans dalgúns acios tiñan presenza do fungo
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que destaca que o estado das viñas é excelente no relativo á enfermidade do mildio debido ás favorables condicións climatolóxicas das últimas semanas, tras varios días continuados de tempo verdadeiramente cálido, con ventos do norte ou nordés e humidade relativa media en xeral.

 Máis polo miúdo, o persoal especialista de Areeiro destacou que incluso nas parcelas da rede que vixía a estación que cumpriron un mes sen intervención algunha non presentaron esta semana síntomas nos novos crecementos. E as plantas testemuña practicamente defoliadas en xuño xeraron novos gromos que igualmente están libres da patoloxía. Porén, aínda que o risco de infección será baixo nos vindeiros días de acordo ás previsións meteorolóxicas, insiste en non deixar de controlar as viñas, xa que aínda pode haber danos nos acios, e se esperan ventos de dirección variable e algúns días do oeste, máis húmidos.

 As elevadas temperaturas dos últimos días favoreceron, segundo Areeiro, o avance da fenoloxía das plantas, de xeito que a totalidade das viñas están xa, sen ter empezado agosto, no peche do acio (incluso algúns acios empezan a brillar) e mesmo algúns casos, de viñas especialmente solleiras ou variedades temperás, iniciando xa o pintado.

 O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio, e a este respecto Areeiro apunta que a situación xeral observada nas revisións desta semana foi positiva, a pesares das condicións que se deron relativamente favorables á enfermidade. Destaca que mesmo nas viñas que tiveron ataques máis fortes as infeccións están contidas. Deste xeito, sinala que en xeral só apareceron puntualmente focos moi illados nos que uns poucos grans dalgúns acios tiñan presenza do fungo, e só unha porcentaxe que non acadaba o 5 % de predios tiña algunha zona máis afectada, o que en principio atribúe a unha mala distribución dos funxicidas debido a que se detectaron estes ataques cara o final das viñas e/ou en zonas con exceso de vexetación.

 Tamén neste caso recomenda non descoidar a vixilancia, porque as previsións meteorolóxicas de temperatura e ventos para os vindeiros días poden incrementar o risco, a pesar de que, próximos ao pintado, a sensibilidade dos acios ao patóxeno diminúe. En caso de que se observe un incremento dos acios afectados, aparte de procurar unha boa aireación das viñas, Areeiro sinala que será conveniente realizar unha intervención, que probablemente xa sería a última da campaña fronte a esta enfermidade.

 Doutra banda, o aviso resalta tamén que no caso do Black-rot non se observou avance algún, tampouco nas viñas abandonadas. A situación é tamén positiva no que se refire á Botrite, da que de momento non se espera a aparición de síntomas.

 En canto ás avelaíñas do acio, o nivel de capturas de Lobesia botrana nas trampas das parcelas de seguimento foi tamén esta semana moi baixo, e as postas observadas foron esporádicas. Neste senso, insiste en que non se deben realizar tratamentos fronte a esta praga inxustificadamente e/ou de xeito xeneralizado para protexer á fauna beneficiosa que existe nas viñas. Así, destaca que o feito de que aparezan algúns acios con penetracións, que a partir de agora serán máis sinxelos de ver debido a que os grans afectados toman unha cor castaña na polpa, non implica que haxa que intervir. Areeiro recomenda por tanto revisar as viñas e só si sobre 100 dos acios se superan os limiares de 3 a 5 % afectados nas variedades sensibles á podre e ata 8 a 10 % nas demais, habería que contemplar a posibilidade dunha intervención. Para ela deberá elixirse un insecticida autorizado, con efecto fronte ao estado de desenvolvemento dominante e co menor impacto posible sobre os inimigos naturais.

 No caso dos cicadelidos tampouco se apreciaron nesta semana cambios canto ás capturas nas trampas, que permanecen practicamente limpas destes insectos. O número de ninfas atopado nos recontos ás follas foi moi baixo en todas as viñas e tampouco se observaron ninfas de Scaphoideus titanus, vector da enfermidade coñecida como "flavescencia dourada". Si se observaron, no caso dos ácaros, novos incrementos de follas con síntomas de erinose de verán nas follas terminais, pero no se detectaron síntomas doutros ácaros nas viñas revisadas.

 Areeiro alertou doutras incidencias nas plantas da viña. Deste xeito, apunta que cada vez máis plantas, co estrés hídrico e as altas temperaturas, manifestan síntomas de alteracións de madeira. Tamén sinala que se detectaron síntomas de trips no Salnés, pouco importantes e nunha porcentaxe que non acada o 1 % de viñas revisadas, así como máis acios con golpe de sol ou con síntomas máis claros desta fisiopatía e tamén da propia derivada da falta de auga. 

 O aviso refírese tamén a outros cultivos e plantas. No caso da maceira, Areeiro sinala que nas plantas onde xa se detectara o pulgón lanixero notouse un incremento do número de individuos parasitados e tamén máis buracos de emerxencia do parasitoide, de xeito que insiste na necesidade de comprobar se hai formas parasitadas en cada predio. En caso afirmativo o beneficioso será capaz de controlar a colonia se non se aplican fitosanitarios.

 Areeiro indica tamén que, aparte de moteado nas variedades máis sensibles da maceira, tamén hai froitos afectados polas eirugas da Cydía pomonella. Por este motivo, en caso de que só se observen algunhas froitas coas perforacións larvarias típicas, recomenda retiralas para non dar tratamentos que poidan alterar o equilibrio pragas-insectos útiles que poida haber e para evitar que, en tempo húmido, se xeren podremias.

 No que respecta aos cítricos, observouse un menor número de gromos tenros de psila africana, aínda que seguen a detectarse, ao igual que moitos adultos maduros e ninfas. O persoal especialista da estación fitopatolóxica lembra que entre as medidas de contención da praga están eliminar os gromos, instalar trampas amarelas a carón das árbores e tamén os insecticidas autorizados para o control dos psílidos en cítricos (aceite de parafina 54,6 % ou deltametrin 1,5 e 2,5 %). Doutra banda, o aviso advirte dalgunhas colonias de pulgón nos cítricos, formadas sobre todo por estados ninfais pero tamén por adultos, en xeral pouco importantes, ao menos, nas plantas observadas.

 No caso do buxo, Areeiro recomenda manter a vixilancia sobre a Cydalima perspectalis, aínda que esta semana non se atoparon eirugas nas sebes controladas, só crisalides. E, por último, o aviso fitosanitario advirte que, no caso do piñeiro, esta semana recolléronse os primeiros machos da praga da procesionaria (Thaumetopoea pityocampa) nas trampas de feromona instaladas en dous xardíns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario