2 de xul. de 2020

PONTEVEDRA

Aberto o prazo de inscrición nos obradoiros estivais do Museo de Pontevedra coa arte como eixo central 

Máis de 80 nenas e nenos de 5 a 13 anos poderán sumarse ás propostas lúdico-formativas que comezarán o día 13


Infogauda / Pontevedra

 Divulgar e dinamizar o patrimonio material e inmaterial, ademais de estimular a comunicación, creatividade, sensibilidade e a expresión das e dos cativos, é o obxectivo da oferta lúdico-formativa que o Museo de Pontevedra desenvolverá durante os meses de xullo e agosto e que estará destinada a nenas e nenos de 5 a 13 anos. Serán tres os obradoiros temáticos coa arte como eixe común, distribuídos en sete quendas semanais segundo a idade das persoas asistentes e terán lugar de luns a venres en horario matinal, de 11 a 13 horas.

  Este ano, tendo en conta as medidas preventivas adoptadas ante a pandemia provocada polo coronavirus, limitarase o aforo dos obradoiros ao 75 % da capacidade que estaba prevista para cada un deles, de xeito que as prazas ofertadas en cada tramo ascenderán a 12, cun total de 84.

  Para sumarse a esta iniciativa é necesario formalizar a inscrición por vía electrónica, a través do formulario https://www.depo.gal/obradoiros-de-veran-no-museo, dispoñible tamén na páxina web do Museo (www.museo.depo.gal), tendo de prazo desde hoxe e ata o próximo día 7 para presentar as solicitudes. Concederase un obradoiro por nena ou neno por estrita orde de inscrición e, no caso de que existan vacantes, poderase optar a máis dunha actividade, debendo marcar a súa preferencia.

  As listas de admisión faranse públicas a través da web do Museo e tamén estarán dispoñibles para consulta no punto de información do Sexto Edificio. As e os menores que precisen un apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional, sensorial ou patoloxía deberán facelo constar na solicitude de participación.
 
Laboratorios artísticos: ‘En correspondencia'    
                                            
  Esta primeira proposta estará composta por catro laboratorios artísticos nos que a rapazada se aproximará á relación que mantén a arte con outros campos do saber e do coñecemento a partir da colección de arte contemporánea do Museo. Será un espazo para a experimentación persoal e o fomento da capacidade reflexiva e crítica, que se centrará en temas coma arte e soño, arte e moda, arte e cociña, arte e ciencia, desenvolvidos en sesións teórico-prácticas.

  O obradoiro terá lugar do 13 ao 17 de xullo para nenas e nenos de 6 a 9 anos, e do 20 ao 24 de xullo para as e os de 10 a 13 anos.
 
Pequeólogas: obradoiros de exiptoloxía


  Da man do Instituto de Estudios del Antiguo Egipto, a cativada mergullarase no mundo da civilización faraónica dunha maneira lúdica e pedagóxica que lles permitirá aprender a escribir o seu nome en escritura xeroglífica e coñecer como se realizaba a momificación. As nenas e nenos de 5 a 7 anos asistirán a este obradoiro do 28 ao 31 de xullo, e as e os de 8 a 10 anos do 4 ao 7 de agosto, mentres que a rapazada de 11 a 13 anos será destinataria das sesións previstas do 11 ao 14 de agosto.

Obradoiro de reciclaxe artística

  O Departamento de Educación do Museo propón esta actividade eco-artística para promover na cativada a sensibilidade do problema ambiental que producen os residuos plásticos. A partir da obra de artistas coma Elena Colmeiro, Manuel Moldes ou Darío Basso, realizarase unha reflexión sobre a importancia dos materiais e as texturas na creación artística contemporánea.

 As e os participantes realizarán as súas propias creacións inspirándose na obra destes artistas e empregando para iso materiais de refugallo, especialmente plástico. A primeira quenda terá lugar do 18 ao 21 de agosto para nenas e nenos de 5 a 8 anos, e a segunda do 25 ao 28 de agosto para as e os de 9 a 13 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario