6 de xul. de 2020

O ROSAL

Xa se pode solicitar cita previa para o Punto Limpo a través da web do Concello do Rosal

· O Concello manterá a cita previa ata novo aviso para evitar aglomeracións e garantir a seguridade de veciñanza e persoal municipal   

Punto Limpo do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Equipo de Goberno do Concello do Rosal vén de facer público un comunicado no que dí o seguinte: “Malia ter rematado o estado de alarma e reabrirse o libre movemento de persoas polo territorio, o único xeito de poder garantir o distanciamento social e evitar aglomeracións nos distintos lugares é establecendo aforos limitados ou atendendo nos distintos servizos municipais con cita previa. A cita previa, ademais de ser unha ferramenta para evitar o risco de contaxio para a veciñanza e o propio persoal pola confluencia de xente nun mesmo lugar, supón unha vantaxe para as persoas usuarias dos servizos municipais xa que evita aglomeracións, que teñan que facer cola e botar demasiado tempo no exterior das instalacións agardando ata ser atendidas

 Por estes motivos, e tendo en conta que a prioridade nestes intres é a de tomar as medidas pertinentes marcadas polas autoridades competentes para evitar os contaxios, o Punto Limpo do Rosal seguirá funcionando con cita previa ata novo aviso. Co obxectivo de dar facilidades a todos os rosaleiros e rosaleiras, as persoas interesadas en depositar residuos no Punto Limpo xa poden solicitar a súa cita a través da web do Concello premendo aquí ou a través do apartado Medio Ambiente do menú principal da páxina, pinchando en ‘Cita Previa Punto Limpo’. 

 O procedemento será tan sinxelo como darlle ao botón ‘Cita previa’, seleccionar o día e a hora que máis conveña para facer a entrega de residuos, cubrir os datos e indicar a tipoloxía de residuos a entregar e a cantidade en capachos que se leva de cada un deles. Neste mesmo apartado poderase atopar as indicacións para o uso das instalacións, como o límite máximo admitido para algúns dos residuos. 

 Tamén se pode seguir solicitando cita previa chamando ao teléfono 986 625 000 extensión 3002. 

Responsabilidade 

 No devandito comunicado tamén se informa á cidadanía que “coa finalidade de axilizar este servizo, cada persoa disporá de 15 minutos para depositar os seus residuos no lugar apropiado. Para evitar que o resto de usuarios teñan que agardar mais alá da súa quenda e minimizar a interacción co persoal municipal, os residuos deben ir debidamente separados por tipoloxías (madeira, chatarra, plástico, etc.) e ser depositados no colector correspondente. 

 Prégase ás persoas puntualidade á hora de acudir a súa cita e que agarden fóra das instalacións ata ser atendidos polo persoal encargado do Punto Limpo. No caso de non acudir na data e hora concertadas perderase a cita.  

 Pola saúde de todas e todos é momento de ser responsables e seguir extremando as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar rebrotes e contaxios. Así, prégase a todas as persoas que empreguen o servizo que manteñan todas as medidas de seguridade, agardando fóra das instalacións a que o persoal municipal lle indique que pode pasar, desinfectando as mans ou as luvas que leven co xel desinfectante á entrada, mantendo as distancias de seguridade e empregando máscara para maior protección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario