6 de xul. de 2020

EMPREGO

O Concello de Tomiño amplía o seu persoal con oito novas contratacións, realizadas a través de distintos plans de fomento do emprego  

· Entre as persoas empregadas cóntanse varios peóns de limpeza, dous socorristas e unha enxeñeira forestal
   

O Concello de Tomiño vén de contratar a oito novos traballadores/as
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de contratar con cargo a distintas subvencións de fomento do emprego, a oito novos traballadores/as, que comezarán a desempeñar as súas funcións de forma gradual.  

 Deste xeito, o persoal do Concello vese ampliado durante varios meses por cinco persoas desempregadas e perceptoras da RISGA (Rentade inclusión social de Galicia) que traballarán en limpeza, xardinería e outras áreas do Concello, até o mes de marzo do 2021. Ditas contratacións leváronse a cabo con cargo a unha subvención de 67.075,65 € procedentes da Xunta de Galicia e 1.631,14 € de achega municipal.  

 Asemade, a través dunha axuda para o fomento do emprego no ámbito de colaboración coas entidades locais, dotada con 6.000€ da Xunta e 3.710,54€ do propio Concello, contratouse durante tres meses a dúas persoas que se desempeñan coma socorristas na praia de Goián, dende o pasado día 23 de xuño e até mediados do mes de setembro.  

 Por último, por medio do Programa de fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural 2020), o Concello procedeu a contratar unha enxeñeira técnica forestal, que comezará a prestar os seus servizos no mes de agosto próximo. Farao a xornada completa durante nove meses, o que significará un investimento de 16.177,14€ de procedencia autonómica e 391,32€ de procedencia local.  

 A estes oito traballadores hai que sumar outros 24 do Plan Concellos 2020, que foron incorporándose dende o día 23 de xuño pasado, grazas á subvención da Deputación de Pontevedra (275.442,83€) e á unha achega municipal de 6.643,12 €.

Ningún comentario:

Publicar un comentario