6 de xul. de 2020

O ROSAL

A Plataforma para a Defensa da Sanidade do Rosal convoca á veciñanza a unha concentración este mércores día 8 de xullo 

· A mobilización será ás 12.00 horas diante do Centro de Saúde como medida de protesta ante a falta de resposta da Consellería de Sanidade ante o deterioro da asistencia sanitaria no municipio  

Centro de Saúde do Rosal
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal convoca á veciñanza a participar na concentración que se celebrará este mércores 8 de xullo ás 12:00 horas diante do Centro de Saúde como medida de protesta ante a falta de resposta por parte da Consellería de Sanidade ante as reiteradas denuncias sobre o deterioro da asistencia primaria no municipio. Dende o Concello anímase a todos os veciños e veciñas a secundar esta convocatoria e a participar na concentración

 A través desta mobilización reivindicarase que se cubran as vacacións dos facultativos para evitar que o centro de saúde quede tan só con dúas médicas durante os meses de verán, nos que o aumento da poboación agravará unha situación xa precaria. Na actualidade as citas de atención primaria teñen unha demora media de 20 días e é imposible atender as consultas domiciliarias, co conseguinte deterioro e perigo para a saúde das persoas enfermas encamadas e dependentes. 

 Tamén se reclama que se dea solución aos problemas de transporte dos enfermos crónicos que precisan desprazarse ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a realizar tratamentos e que nestes intres están a ser trasladados sen atender ás medidas de seguridade para evitar contaxios, poñendo así en risco a súa saúde 

 A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal tamén reivindica que se dea resposta ao resto de problemas recollidos nun informe presentado ante a Consellería de Sanidade, no que se denuncia a insuficiencia de persoal facultativo ou as carencias en espazos e equipamentos e no que se pide a recuperación dos servizos trasladados cando a situación provocada pola pandemia da COVID-19 o permita

 Todas as persoas asistentes deberán levar máscara e manter en todo momento a distancia de seguridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario