‘Ponte na súa pel’ para concienciar sobre igualdade e prevención de violencia de xénero
O Concello do Rosal pon en marcha este ciclo con cinco charlas dirixidas a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de pais e nais, familias, asociacións culturais e público en xeral
As charlas serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal pon en marcha unha nova campaña para concienciar aos rosaleiros e rosaleiras sobre igualdade e violencia de xénero. Trátase do ciclo de charlas formativas ‘Ponte na súa pel’, cinco conferencias impartidas por persoal cualificado en violencia de xénero coas que concienciar, asesorar e informar sobre cuestións de igualdade a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais, familias ou asociacións culturais, así como ao público xeral. Esta actividade conta co financiamento do Ministerio de la Presidencia, Relacións con las Cortes e Igualdad a través da Secretaría de Estado de Igualdad para el Fondo de Estado contra la Violencia de Género.
As charlas celebraranse os vindeiros 3, 4, 5 e 6 de agosto a partir das 20.30 horas no xardín posterior do Concello ou no salón de plenos, xa que unha das xornadas celebraranse dúas conferencias de forma simultánea. Todas as conferencias serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
Programa
A actividade comezará o vindeiro luns 3 de agosto coa charla dirixida a profesorado e profesionais da educación, na que se abordarán aspectos como a inclusión da igualdade no proxecto educativo dos centros, nas programacións curriculares e na asignación de responsabilidades e espazos. Nela axudarase ao profesorado a seleccionar materiais, libros, recursos e proxectos educativos non sexistas e daranse as chaves para fomentar na aula e fóra dela xogos e xoguetes neutros, cooperativos e compartidos, así como para establecer patios coeducativos. Tamén se falará sobre a identificación e comunicación de situacións de risco, da actuación inmediata, das medidas de urxencia e da comunicación á familia e traslado a profesionais especializados.
O martes 4 de agosto o público serán familias, asociacións de nais e pais e alumnado, cos que se falará de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista, do fomento do respecto e bo trato ou das redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se lles darán ferramentas para como actuar en caso de ser conscientes dun caso de violencia de xénero e se lles achegará aos servizo de seguridade e asistencia aos que poder acudir.
O mércores 5 de agosto haberá charla dobre. Por un lado unha dirixida a asociacións culturais e veciñais na que se informará a todas as persoas asistentes de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista en cartelería e folletos ou do uso de redes sociais concienciadas coa igualdade, entre outros aspectos. Tamén se formará en como actuar se son conscientes dun caso de violencia de xénero nas súas instalacións ou no ámbito veciñal.
Na actividade dirixida a clubs e asociacións deportivas abordaranse aspectos como o respecto e o bo trato a adestradoras e arbitraxe e daranse as ferramentas necesarias para actuar en caso de detectar un caso de violencia nas súas instalacións.
A derradeira charla será o xoves 6 de agosto e estará dirixida ao comercio e á empresa. Coas persoas participantes falarase das campañas de comercio local libres de discriminación, da linguaxe non sexista en cartelería e folletos, de certames e premios igualitarias ou de redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se formará as persoas de comercio e hostalaría en como actuar ao detectar un caso de violencia nos seus establecementos, dando a coñecer os servizos de seguridade e asistenciais aos que poden acudir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario