Comezan as visitas guiadas aos petróglifos do Rosal
· É necesaria inscrición previa chamando ao 986 625 000 para participar na actividade, que terá un aforo limitado de 10 persoas.
· A primeira saída será aos petróglifos do Novello o mércores 22 de xullo.
Petróglifos do Novello
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A programación de verán do Rosal continúa esta semana co arranque das visitas guiadas aos petróglifos do concello. Esta actividade ten programadas tres saídas totalmente gratuítas ao longo dos meses de xullo e agosto para visitar diferentes puntos do municipio no que se conservan estes gravados rupestres e coñecer máis detalles sobre a súa historia. As visitas guiadas terán un aforo máximo de 10 persoas e para poder participar é necesaria inscrición previa chamando ao teléfono 986 625 000. A inscrición poderá facerse ata o mesmo día da actividade ás 14.00 horas.
Primeira saída
A primeira visita guiada será este mércores 22 de xullo (21.30 h) aos petróglifos do Novello. Ao longo de aproximadamente dúas horas, as persoas participantes farán un percorrido circular a pé doado e de pouca lonxitude para visitar catro puntos con petróglifos e, se a noite o permite, facer unha observación do ceo nocturno. O punto de encontro será a Casa do monte de Novás (Camiño da Salgosa, 43) e os desprazamentos serán a pé. Ademais, para garantir a saúde de todos/as, as persoas participantes deberán cumprir as medidas de prevención, levando máscara e gardando as distancias interpersoais de seguridade.
Petróglifos da Portela
Petróglifos da Portela
Foto: C.O.R.
O vindeiro 5 de agosto (21.30 h) a visita guiada será polos petróglifos da Portela, unha saída na que se combinarán percorridos a pé e desprazamentos nos coches particulares dos participantes para visitar cinco puntos con petróglifos e, se a noite o permite, rematar a visita de novo cunha observación do ceo nocturno. Nesta ocasión o punto de encontro será o Alto da Portela (Camiño da Costeira, Coordenadas: 41.945878, -8.876238). Tratarase dun percorrido de dificultade baixa no que as persoas participantes deberán tomar tamén todas as medidas de prevención necesarias ante a COVID-19, levando máscara e respectando as distancias de seguridade.
O último percorrido terá lugar o 26 de agosto cunha ruta aínda por determinar. Os petróglifos elixidos para esta visita anunciaranse con anterioridade á data de celebración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario