Arranca a edición máis especial da Feira do Viño do Rosal
· Estes 17, 18 e 19 de xullo poderá seguirse toda a programación a través da web da feira (feiradoviño.gal) e doutras plataformas en liña
· A feira arrancará co pregón do sumiller Luis Paadín este venres ás 20.00 h, ao que lle seguirá o acto inaugural virtual
· Seguen activos o concurso ‘Viño-experiencias’ e a tenda en liña
Infogauda / O Rosal
A Feira do Viño do Rosal arranca este venres 17 coa súa edición máis especial e diferente. A través da web feiradoviño.gal e outras plataformas, o público poderá seguir toda a programación da feira, que comeza este mesmo venres 17 ás 20.00 h co pregón do prestixioso sumiller Luis Paadín e a posterior inauguración virtual, que contará coas intervencións da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; do presidente da Confraría Cabaqueiros de Viños do Rosal, Enrique Costas; dun representante do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas; e coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Tras este pistoletazo de saída chegará ás 22.00 h o primeiro concerto da Feira, un concerto de regueifas a cargo de Luis Correa, O Caruncho, e Benito Álvarez Lobariñas.
Xa o sábado 18 será a quenda ás 20.00 h do maridaxe demostración de cociñado da man do chef Iván Méndez e dos divulgadores de viños Luis e Alejandro Paadín, evento no que colabora a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural. O día rematará co concerto ás 22.00 h do grupo Fanfarria Takicardia.
O domingo 19 retransmitirase ás 12.00 h a cata comentada co sumiller Luis Paadín e ás 20.00 h anunciaranse as fotos gañadoras do concurso ‘Viño-Experiencia’, que busca recoller en imaxes as distintas formas de vivir os viños do Rosal. O concurso estará activo tanto para participar como para votar as fotografías preferidas ata o domingo ás 19.00 h. Toda a información do concurso e como participar atópase na páxina web da Feira.
Tenda en liña aberta
Na web tamén permanece aínda aberta a tenda en liña da feira, na que todas as persoas interesadas poderán mercar aos mellores prezos con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal, das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Valmiñor, para desfrutar deles tranquilamente na casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario