A sección sindical da CIG en GKN Automotive denuncia o ERTE ante a Inspección de Traballo
· Cando se están a realizar horas extraordinarias en forma de prolongación de xornada ou se está a despedir o persoal eventual
· Cando se están a realizar horas extraordinarias en forma de prolongación de xornada ou se está a despedir o persoal eventual
Dous membros da sección sindical da CIG en GKN Automotive, logo de presentar esta mañá a denuncia o ERTE ante a Inspección de Traballo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Esta mañá, delegados da CIG en GKN (que se dedica á fabricación de compoñentes do automóbil) presentaron denuncia ante a autoridade laboral pola aplicación do ERTE na empresa, cando se están a realizar horas extraordinarias en forma de prolongación de xornada ou se está a despedir o persoal eventual, incumprindo así os acordos sobre contratación indefinida. Xunto a isto, a CIG demanda a empresa pola falta de equidade nos días de regulación e a ausencia de información sobre a regulación dos seus afiliados e afiliadas, non respectando o dereito á información á sección sindical recollido na Lei orgánica de liberdade sindical.
Sobre a falta de equidade nos días de regulación, a sección sindical lembra que o propio acordo do ERTE fala de crear unha comisión para cumprir con ese equilibio nos días no desemprego por parte das persoas traballadoras. E nesta liña, na denuncia recóllese que son as persoas afiliadas á CIG "quen sofren máis días de regulación".
Como exemplo, expoñen o caso da técnica de prevención "que non foi nin un só día ao traballo, utilizando a empresa unha contrata para substituíla, nun claro caso de represión laboral e indo contra o propio RD lei 24/2020 que no seu artigo 2.5 deixa ben claro que non se poderá externalizar traballos realizados pola principal". Traballos como o do servizo de prevención ou control de calidade que están sendo externalizados.
Outro punto que a CIG denuncia refírese á realización de horas extraordinarias en forma de prolongacións de xornada e traballos na fin de semana "a pesar de que hai compañeiros/as regulados". Como tamén o despido do persoal eventual "incumprindo acordos sobre contratación indefinida do propio convenio colectivo aínda en vigor".
A isto hai que sumar o incumprimento por parte da empresa do artigo 34 e sobre o rexistro de xornada "ao non ter ningún mecanismo para facilitar a información do mesmo ás centrais sindicais. Nin tampouco sobre as horas extraordinarias que se realizan na fábrica".
A sección sindical entregou outra denuncia a maiores, na que se informa á Inspección de Traballo do peche dos vestiarios dende o inicio do estado de alarma sen que a empresa buscara dende o comité de saúde laboral unha solución. “Os traballadores e as traballadoras teñen que vir vestidas da casa, traballar nunhas condicións deplorábeis sufrindo temperaturas superiores aos 30 grados con máquinas que traballan con aceite e sen poder ducharse ao final da xornada” engaden dende a CIG en GKN. E apuntan que “a única solución que pon a empresa é que se cambien no aparcadoiro, atentando contra a seu dereito a intimidade”.
Dende a representación da CIG agardan que a Inspección de Traballo "sexa quen de solucionar estes problemas denunciados no menor tempo posíbel".
Ningún comentario:
Publicar un comentario