O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF) DE A CAÑIZA CONTINUARÁ SENDO MUNICIPALIZADO
A Unión Local da CIG do Porriño “valora moi positivamente o acordo alcanzado”
A Unión Local da CIG do Porriño “valora moi positivamente o acordo alcanzado”
O alcalde do Concello de A Cañiza, coas traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de A Cañiza e a representante da CIG, logo da sinatura do acordo
Foto: CIG
Infogauda / A Cañiza
As traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de A Cañiza, coa representación da CIG no Concello de A Cañiza asinaron hoxe un acordo coa Alcaldía, Luís Piña, “que recoñece a condición de persoal laboral ás auxiliares de axuda do fogar e o seu compromiso de manter o servizo municipalizado”.
Desde a CIG afirman: “No acordo recóllense os seguintes cuestións moi elementais para o conxunto das traballadoras do SAF, que supoñen un paso de xigante sendo base do recoñecemento e dignificación do seu traballo:
- Inclusión na RPT da categoría de auxiliar de fogar cun salario base mensual xornada completa de 1151,70 no ano 2019.
- Incorporación no vindeiro convenio de persoal laboral de A Cañiza das súas condicións particulares das traballadoras do SAF - O pagamento da quilometraxe dende as instalacións do asuntos sociais do concello.
- A procura dun sistema de rotación para o traballo en domingos e festivos.
- A creación dun plus de domingos e festivos.
- O establecemento dun criterio de reparto de traballo equitativo e a fixación dunha xornada máxima de 37,5 horas, tendo como obxectivo unha xornada mínima de 25 horas semanais.
- O establecemento dun procedemento de seguimento de incidencias no servizo
- A negociación antes do remate do ano 2020 dun plan de prevención de riscos, e dun protocolo de acoso laboral e sexual específicos para este servizo”.
A Unión Local da CIG do Porriño “valora moi positivamente o acordo alcanzado”, explicando que “hai ano e medio cando as traballadoras contactaron coa CIG e comezaron as súas reivindicacións sendo Alcalde o Sr. Miguel Domínguez do PP, non contaban con roupa de traballo, non tiñan recoñecido un salario para a súa categoría, negándolle o edil do PP dereitos tan elementais como o desfrute das súas vacacións ou descansos en fin de semana”.
No comunicado enviado a Redacción de Infogauda, fontes da CIG engaden: “De feito en varias reunións o anterior alcalde negou as traballadoras a condición de persoal do Concello, malia que algunha leva traballando no servizo máis de dez anos. Neste sentido a CIG xa ten gañadas catro sentenzas declarando as traballadoras persoal laboral indefinido do Concello de A Cañiza.
Meses antes de perder a alcaldía o Sr. Miguel Domínguez intentou a privatización do servizo, que finalmente non foi efectiva debido a que a empresa adxudicataria renunciou por non acadar o miserento prezo de saída ofrecido no prego os custes do persoal a subrogar.
O cambio de escenario neste Concello foi posible grazas a organización das traballadoras, a súa firmeza en denunciar a súa precariedade e esixir da man da CIG a valorización do seu traballo, reclamando o recoñecemento da súa enorme responsabilidade, dando na Cañiza visibilidade a un sector “esencial” abandonado durante anos, que atende os coidados básicos da vida diaria de preto dun cento de maiores e dependentes do Concello.
Os Servizos de Axuda no Fogar e as residencias foron entregados polo goberno da Xunta e dos concellos a empresas que sacan beneficio de cartos públicos a conta da precariedade de milleiros de mulleres no país, precariedade que necesariamente repercute na asistencia que ofrecen da que tivemos bo exemplo na crise sanitaria que acabamos de sufrir”.
Por esta razón “a CIG agradece a decisión de cambio de rumbo do actual alcalde Luís Piña, polo seu compromiso de manter municipalizado o servizo en contra das directrices da Xunta do PP, pola súa determinación de incrementar a calidade dos coidados aos maiores, e polo recoñecemento ao traballo das súas veciñas como traballadoras esenciais que son”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario