O paro rexistra unha baixada mínima no mes de xuño en Galiza vinculada á contratación precaria no sector servizos
O descenso foi moi inferior ao habitual neste período nos últimos anos
Infogauda / Galiza
O número de persoas paradas anotadas no SEPE en Galiza descendeu en 6.428 no mes de xuño como consecuencia da reactivación económica unha vez rematado o estado de alarma, especialmente polo incremento da contratación precaria no sector servizos. Con todo, segundo a análise da CIG, trátase dunha baixada mínima (-3,36% con respecto a maio) en comparación cos datos que se rexistraron neste mesmo período nos últimos anos.
O normal no mes de xuño é que o descenso do desemprego se sitúe entre o 8 e o 11%, aínda que o ano pasado baixou unicamente un 4,63%. Aínda así, a baixada foi de máis dun punto porcentual con respecto á rexistrada agora.
En consecuencia, as persoas inscritas como desempregadas nas oficinas do SEPE en Galiza no último mes alcanzan as 184.654, que se as sumamos ás 214.494 persoas que se atopan en ERTE atopámonos con que un terzo da poboación activa galega non está a traballar.
Segundo sinalan dende a Secretaría Confederal de Emprego e Industria da CIG, a reactivación económica que se atopa detrás desta lixeira baixada do paro está a vir da man do sector servizos, un sector caracterizado polo altos niveis de precariedade, parcialidade e temporalidade da contratación. Parcialidade está a aumentar aínda máis porque se permite ir recuperando traballadores/as do ERTE de xeito parcial.
“Temos diante un panorama moi complicado, con milleiros de persoas traballadoras sen ingresos ou con ingresos moi precarios, en moitos casos que non permiten nin sobrevivir”, denuncia Fran Cartelle.
O secretario confederal de Emprego e Industria amosa tamén a súa preocupación “polo que pode vir” nos próximos meses como consecuencia “do proceso de desertización industrial do noso país que estamos a vivir ante a inacción da Xunta”.
Cartelle incide en que o actual contexto sociolaboral amosa ás claras o que a central sindical vén defendendo dende hai anos: a necesidade de derrogar as reformas do PP e do PSOE e de atopar solucións eficaces para a industria galega e demais sectores produtivos. “Hai que apostar pola creación de emprego digno con salarios decentes e evitar que a factura da crise sanitaria a paguemos os traballadores/as”.
PRINCIPAIS DATOS
Os traballadores/as afectados/as por un ERTE non están incluídos/as como persoas desempregadas.
No último mes, a afiliación aumentou en todas as provincias, sendo na de Pontevedra onde se rexistrou o maior incremento.
En canto ás persoas perceptoras de prestación, ao estar incluídas como tal as que perciben unha prestación por ERTE, e sen embargo non estar incluídas como desempregadas, atopámonos cun maior número de persoas perceptoras de prestación que persoas desempregadas. Concretamente, son 241.045 as persoas que no mes de maio percibiron algunha prestación; sen embargo, nese mesmo mes había rexistradas 191.082 desempregadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario