A Xunta de Galicia resolve as subvencións para o desenvolvemento de actividades deportivas que beneficia a 1.140 entidades
O importe das axudas concedidas acadou os 1,86 millóns de euros
Infogauda / Galicia
A Secretaría Xeral para o Deporte vén de resolver definitivamente as
subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e
seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades
deportivas que pode ser consultada na páxina web do Deporte Galego.
Estas subvencións foron convocadas pola resolución do 16 de decembro de
2019 e publicadas no Diario Oficial de Galicia do 10 de xaneiro de
2020. Teñen por obxecto subvencionar os gastos derivados da
participación en competicións oficiais do ano 2019 e poden ser
beneficiarias destas axudas os clubs deportivos, sociedades anónimas
deportivas e seccións deportivas de Galicia inscritos Rexistro de
Entidades Deportivas de Galicia.
O importe das axudas concedidas
acadou os 1,86 millóns de euros para chegar a un total de 1.140
entidades beneficiarias. En total foron 1.377 as entidades que cursaron
solicitude de subvención, o que se traduciu en 1.713 solicitudes
recibidas, xa que unha mesma entidade pode cursar tantas solicitudes
como modalidades deportivas practique (concretamente foron 210 as
entidades que presentaron solicitude por máis de un deporte). En 2019, o
número de entidades beneficiarias foi de 1.023, polo que nesta
convocatoria produciuse un incremento do 11% de entidades beneficiadas.
Resultaron
denegadas por non acadar a puntuación mínima, 175 entidades (a
puntuación mínima para ser beneficiario é de 7 puntos, ou 5 no casos das
entidades que participaran en competicións para persoas con algunha
discapacidade). Resultaron inadmitidas ou desistiron da súa petición por
non achegar toda a documentación ou non emendar erros da solicitude, 63
entidades.
Os beneficiarios dispoñen do prazo dun mes a partir do
día seguinte ao da publicación da Resolución no DOG -prevista
inicialmente para o venres 10 de xullo-, para solicitar o cobro da
subvención e aportar a documentación xustificativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario