Arranca no castelo de Soutomaior o programa da Deputación de Pontevedra "Música no ar", que espallará a música de cámara por 14 espazos patrimoniais da provincia  
A estrea será este martes no castelo de Soutomaior coa Orquestra Clásica de Vigo
Infogauda / Pontevedra
 A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída ao programa "Música no ar",
 unha das novidades máis ambiciosas da programación cultural deste 
verán. Será este martes, 28 de xuño, ás 19.30 horas, no castelo de 
Soutomaior, co concerto da Orquestra Clásica de Vigo. A iniciativa, 
enmarcada en "Re-Acción cultural", o plan de 2,5 millóns de euros co que
 a Deputación está a espallar a cultura por toda a provincia, divulgará a
 música de cámara, de xeito gratuíto, por 14 espazos patrimoniais que 
abranguen desde castelos, como o de Soutomaior, ata mosteiros, pazos, 
fortalezas, espazos naturais e conxuntos patrimoniais dos concellos de 
Bueu, A Guarda, Lalín, O Grove, Covelo, Mondariz, Poio, Caldas de Reis, 
Forcarei, Baiona, Salvaterra de Miño e Agolada.
  Ademais de levar a música de cámara á provincia, "Música no ar"
 ten por obxectivos poñer en valor a "todas as persoas que se dedican, 
con gran talento e virtuosismo, á renovación do xénero", tal e como 
destacou Carmela Silva na presentación do programa. Deste xeito, 
actuarán no marco desta iniciativa grupos como a Orquestra Clásica de 
Vigo, Son Trío, Orquestra Filharmónica de Pontevedra, Orquestra 430, 
Alejo Amoedo e Iria Cuevas, Brais González e Beatriz Arenas.
  Tralo concerto no castelo de Soutomaior, "Música no ar"
 viaxará con Son Trío este xoves, 30 de xullo, ás 21 horas, ata o 
estaleiro de Bueu. Xa en agosto haberá un total de sete concertos, 
comezando o 5 de agosto, ás 20 horas, na praza do Reló da Guarda a cargo
 da Orquestra 430 de Vigo e continuando o 6 de agosto, ás 20 horas, no 
pazo de Liñares de Lalín, con Alejo Amoedo e Iria Cuevas; o 7 de agosto,
 ás 21 horas, na fábrica de Salga do Grove coa Orquestra Clásica de 
Vigo; o 9 de agosto, ás 20 horas, no serradoiro dos Carranos coa 
Orquestra Filharmónica de Pontevedra; o 11 de agosto, ás 19 horas, no 
castelo de Sobroso coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra; o 14 de 
agosto, ás 19:30 horas, no mosteiro de Poio tamén coa Orquestra 
Filharmónica de Pontevedra e o 16 de agosto, ás 20 horas, na carballeira
 de Caldas coa Orquestra Clásica de Vigo.
  En setembro, "Música no ar"
 seguirá o seu curso o día 12, ás 19 horas, no mosteiro de Aciveiro de 
Forcarei, coa Orquestra 430 de Vigo, a mesma que o 18 de setembro 
actuará nos xardíns do Arquivo Histórico de Baiona, ás 19 horas, e o día
 19, tamén ás 19 horas, no castelo fortaleza Dona Urraca de Salvaterra 
de Miño. O domingo 20 de setembro, ás 18 horas, terá lugar o concerto de
 Brais González e Beatriz Arenas no mosteiro de Carboeiro de Silleda e o
 programa rematará o 26 de setembro, ás 18 horas, na praza do concello 
de Agolada coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario