BUSCADORES DE “TESOUROS” NA PRAIA AREA GRANDE
Infogauda / A Guarda
Ainda que descoñecemos súas identidades - porque tampoco procuramos sabelas, a verdade sexa dita -, semella que a praia Area Grande é un lugar que ademáis de contar cun fermoso areal e augas salutíferas, recomendadas por prestixiosos médicos; poida que tamén sexa un enclave de interese para os buscadores de “tesouros”. Así polo menos é a primeira interpretación que facemos dada á presenza activa de dúas persoas - unha a pasada semana (a data non a podemos precisar, pois non fixemos a correspondente anotación), acompañada por un rapaciño menor de idade; e outra soia, arredor das 9:05 h., deste martes 14 de xullo de 2020 -, provistas en cada caso, do seu correspondente detector de metais. E no que respecta a esta mañá, a persoa dispuña mesmo duns auriculares e unha pequena pa. De tal xeito que logo de escoitar a correspondente sinal acústica, indicativa da presenza - baixo a area - dalgún obxecto metálico, proceder a excavar no lugar concreto.
Quen llo ía decir a D. Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 22 de decembro de 1911-Vigo, 28 de febreiro de 1981), escritor, poeta e xornalista - colabourou en varios xornais e revistas e foi director de FARO DE VIGO e do Diario Deportivo-, a quen tivemos ocasión de ver nos anos 70 do pasado século, ataviado cunha elegante indumentaria, da cal sobresaía un colgante de metal en forma de cuncha de vieira, pendurado do seu pescozo mediante un cordon, paseando soio a carón desa fermosa cala atlántica; que a praia Area Grande tamén pudese resultar atractiva para os buscadores de tesouros.
En todo caso, ainda que descoñecemos a finalidade principal de cada unha das persoas que ollamos nestes días con detectores de metais, A Guarda - tal e como deu a coñecer Gustavo Pascual Hermida -, e segundo o Mapa Xeolóxico do Baixo Miño e Val Miñor, está incluída "(...) na formación metasedimentaria do Rosal-Monteferro, con presenza de materiais esquistosos (xistos, gneises, paragneises, granitos, cuarzos) (...)", "(...) onde as mineralizacións cuarcíticas que conteñen piritas, arsenopiritas e ouro, nunhas porcentaxes segundo datos do IGME de entre 5 a 17 grs. por Tm (...)". Polo tanto, cabe a posibilidade de que ademáis de atopar alguns obxectos persoais que eventualmente puderan haberlle caído a algúns usuarios desa praia, existe a posibilidade de atopar partículas auríferas.
En tempos prehistóricos a obtención de ouro, era, entre outros métodos, mediante un rudimentario procesado do mineral (machucado, triturado - en muiños de pedra exentos, é decir móbiles: ou rupestres, feitos na rocha viva, coas correspondentes cazoletas e canles para o lavado do metal -, tostación, moenda e lavado do cuarzo aurífero).
Ainda que temos referencias de explotación primaria de ouro no termo municipal de A Guarda, non é o propósito deste artigo, dar a coñecer os enclaves, nin tampouco abundar nas técnicas de extracción do prezado metal en tempos prehistóricos, senón de deixar constancia da presenza de buscadores de tesouros na praia Area Grande. Obviamente non temos constancia de se posúen ou non, as correspondentes autorizacións para desenvolver esa actividade xa que é tarefa que non nos corresponde. Para iso están as autoridades competentes e a Lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (D.O.G. núm. 214, de 8 de novembro de 1995; B.O.E. núm. 287, de 1 de decembro de 1995), entre outras, que se procede, puderan ser de aplicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario