5 de xuño de 2020

TURISMO

A XUNTA DE GALICIA NOTIFICA A 12 DE CONCELLOS DA  PROVINCIA DE PONTEVEDRA QUE CONTARÁN CON AXUDA PARA CONTRATAR PERSOAL NAS OFICINAS DE TURISMO  

· A Consellería de Cultura e Turismo mantén o seu compromiso reformulando unha das liñas de subvencións que tivo que ser reformulada por mor da alerta sanitaria 

· Cada concello recibirá 5.500€ para reforzar o persoal das súas oficinas de turismo, xerando emprego e ofrecendo un servizo de calidade 

· Na área da Delegación da Xunta en Pontevedra beneficiaranse Poio, Mondariz-Balneario, A Guarda, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Marín, O Grove, Sanxenxo e Tui  

 Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Galicia notificou a 12 de concellos da provincia de Pontevedra que poderán optar ás axudas de preto de 300.000 euros que o Goberno galego viña reservando nos últimos anos para a contratación de persoal durante o verán no marco das súas habituais liñas de apoio.    

 Deste xeito, as axudas están dirixidas aos concellos de Poio, Mondariz-Balneario, A Guarda, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Marín, O Grove, Sanxenxo e Tui na área da Delegación da Xunta en Pontevedra. Tamén Baiona, Cangas e Nigrán, no eido da área da Delegación de Vigo.  

 Tendo en conta que a liña de subvencións convocada en febreiro pola Xunta de Galicia tivo que ser paralizada con motivo da crise sanitaria do Covid-19, retómase agora a través dunha nova fórmula administrativa para cooperar cos concellos que solicitaron esta axuda e reforzar o persoal das súas oficinas de turismo.  

 En total, en Galicia poderán beneficiarse os 53 concellos, municipios turísticos, xeodestinos ou agrupacións de concellos que o solicitaron. Cada solicitante recibirá 5.500€, o que supón un investimento total de 291.500 euros que se repartirá por toda a Comunidade, xa que 12 concellos ou entidades municipais pertencen á provincia da Coruña, 14 á de Lugo, 13 á de Ourense e 14 á de Pontevedra.   

 Con esta medida búscase, en liña co previsto no Plan de Reactivación do sector turístico, fomentar o emprego, así como a colaboración cos concellos a través da contratación de persoal cualificado e profesionalizado que contribúa a blindar a calidade na atención turística no territorio galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario