A Xunta de Galicia rehabilitará o Mosteiro de Oseira para incorporalo á rede de albergues públicos na Vía da Prata
O
Goberno galego licita por un millón de euros o proxecto para mellorar o
espazo de acollida a grupos e construír novas dependencias para
peregrinos
A medida enmárcase no Plan de Albergues, que está a impulsar a creación
de novos albergues públicos en edificios de valor histórico patrimonial
do Camiño
Mosteiro de Santa María a Real de Oseira,
en San Cristovo de Cea (Ourense)
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia publicou hoxe a
licitación para rehabilitar o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira,
en San Cristovo de Cea, que se incorporará á rede de albergues
dispoñibles na Vía da Prata. Esta actuación, que se enmarca no Plan de
Albergues, inclúe unha achega dun millón de euros para mellorar o espazo
existente de acollida de grupos, garantir a accesibilidade e construír
novas dependencias para os peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.
Na
actualidade o Mosteiro de Oseira conta cunha nave destinada a acoller a
grupos. Trátase dun espazo con problemas importantes de humidade e
accesibilidade que non ten posibilidade de ventilación e iluminación
natural. Para mellorar as condicións e ofrecer unha maior capacidade, o
proxecto propón reconverter unha das naves abandonadas para crear un
albergue de peregrinos recuperando un espazo con importante valor
patrimonial.
Concretamente, as actuacións contemplan a renovación
das instalacións mantendo o uso de albergar grupos e dotándoas de
instalacións sanitarias accesibles e adecuadas. Ademais, rehabilitarase
un dos alpendres, ampliando o seu espazo, para crear o novo albergue de
peregrinos. Trátase dunha construción que permitirá poñer en valor unha
edificación en desuso e que contará con dormitorios, aseos e espazos
comúns.
Ao remate deste proceso, o Mosteiro de Oseira contará con
dúas dependencias destinadas a peregrinos plenamente integradas e
conectadas por unha cuberta horizontal ofrecendo unha sensación de calma
e intimidade aos visitantes nun espazo histórico próximo ao trazado
xacobeo. Ademais, a proposta da Xunta reserva a idea de converter nun
futuro o antigo colexio nun centro de recepción dos visitantes que
acoden ao conxunto monacal.
Trazado con gran potencial
As
actuacións previstas permitirán mellorar os servizos que se ofrecen aos
peregrinos que percorren a Vía da Prata, un trazado que conta cun gran
potencial polas paisaxes e elementos patrimoniais que atesoura,
atravesando, ao longo do seu trazado, catro cidades declaradas
Patrimonio da Humanidade. Trátase, en definitiva, dun dos itinerarios
xacobeos máis importantes e só no pasado ano foi percorrido por preto de
10.000 persoas.
Este proxecto enmárcase no Plan de Albergues da
Xunta que aposta pola rehabilitación de edificios de valor histórico e
patrimonial, como o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, e pola
posta en valor das diferentes rutas de peregrinación. Trátase dunha
folla de ruta que ten como obxectivo a mellora dos establecementos de
acollida ao peregrino diversificando os fluxos de peregrinos e ofrecendo
un servizos de calidade en todos itinerarios.
Camiño sustentable
A
aposta pola rehabilitación de edificios con valor histórico patrimonial
encaixa cos valores de sustentabilidade do Camiño de Santiago, un
fenómeno vinculado á natureza no que os peregrinos interactúan co
territorio, a poboación, a cultura e o patrimonio dun xeito respectuoso e
minimizando o impacto co medio natural.
Ademais estas actuacións,
que teñen en conta a accesibilidade, reforzan o potencial integrador da
Ruta Xacobea, un espazo no que conviven diversas culturas e no que se
fomenta a accesibilidade, a igualdade e o equilibrio real entre todos os
colectivos da sociedade civil a través de iniciativas nos trazados, na
sinalización ou nos albergues.
Ningún comentario:
Publicar un comentario