O BNG de Tui condena o ataque LGBTfóbico á bandeira LGBT pendurada do Concello de Tui
E chama ao Concello denunciar pola vía legal a acción
Carme Núñez, voceira municipal do BNG de Tui
Foto: BNG
Infogauda / Tui
En relación a uns feitos cuxa autoría se descoñece polo de agora, toda vez que foron realizados presuntamente, ao abeiro da nocturnidade, pero que en todo caso merecen a total reprobación da cidadanía democrática; Carme Núñez, voceira municipal do BNG de Tui vén de enviar á redacción deste xornal dixital transfronteirizo, o seguinte posicionamento público:
“Desde o BNG de Tui condenamos a queima da bandeira situada con motivo do Día do Orgullo na fachada do Concello de Tui.
51 anos mais tarde das Revoltas de Stonewall Inn, a loita polos dereitos LGBT é necesaria para derrubar o sistema cisheteropatriarcal. Accións cheas de odio como esta só demostran isto, e fan que reafirmemos o noso compromiso coa loita LGBT, unha loita para sermos mais libres de ser e vivir como somos.
O BNG chama ao Concello de Tui a denunciar polas vías legais un ataque LGBTfóbico que non pode ficar impune.
Seguiremos loitando polas liberdades sexuais, para construír unha sociedade realmente igualitaria onde vivir sendo un mesmo non supoña un perigo para ninguén. Contra a intolerancia e o fascismo, avante a loita LGBT!”
Ningún comentario:
Publicar un comentario