O BNG de Tui denuncia que o SERGAS non cobre as prazas de baixas e vacacións
· Dos facultativos do Centro de Saúde de Tui
Carme Núñez, voceira do BNG de Tui
Foto: BNG
Infogauda / Tui
"Na actualidade, e por motivos xustificados, tres médicos de Centro de Saúde de Tui non están atendendo os seus pacientes, ben por baixas laborais, ben por desfrutar do seu período de vacacións". Ese feito vén de facelo público Carme Núñez, voceira do BNG de Tui.
"A carga de traballo - engade Carme Núñez - entre o resto de facultativos aumenta podendo resentirse a atención aos pacientes. A este feito debemos unir a carga adicional de traballo por mor dos protocolos ligados ao Covid-19 e ao estudo de seroprevalencia do virus que esta a facer a Xunta neses Centros de Saúde. A negativa a cubrir as prazas de baixas e substitucións é un problema que xa sufrían os centros de Atención Primaria con anterioridade á pandemia e contra o que se estaba mobilizando o colectivo sanitario. O interese do goberno de Feijóo céntrase no desmantelamento da Sanidade Publica para favorecer a privada. Estas actitudes de desatender as demandas de reposición de baixas e vacacións van nesta liña".
Por último, Carme Núñez afirma: "O BNG esixe que o SERGAS tome as medidas necesarias para que os pacientes dos Centros de Saúde de Tui sexan atendidos por persoal suficiente, e instará ao Goberno municipal e aos demais partidos da oposición a que presionen neste sentido".
Ningún comentario:
Publicar un comentario