O Concello de Tomiño redeseña a programación cultural e xuvenil para este verán
Con actividades de lecer para a mocidade e culturais para todos os públicos
Infogauda / Tomiño
O Departamento de Cultura do Concello de Tomiño, por mor da pandemia do Coronavirus, tivo que cancelar actuacións que estaban programadas cando se declarou o Estado de Alarma.
Agora, "como entidade local comprometida coa cultura, amosamos o noso apoio e compromiso, mantendo as contratacións inicialmente canceladas, buscando novas datas para as mesmas e programando novos espectáculos de cara a este verán e ao outono/inverno 2020", explica Ana Isabel Fernández Carrera, concelleira de Cultura.
A programación que se ofrece cumpre cos requisitos necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios.
Deste xeito, a axenda arranca co concerto de De Vacas; música, ironía, talento e creatividade a raudais. Mistura de voces e guitarra, harmonías que estimulan os sentidos. O concerto terá lugar o venres 3 de xullo na praza do Seixo, ás 22.30h.
En xullo, os nenos e nenas poderán gozar xunto coas súas familias de cinema ao aire libre na praza do Seixo coa proxección durante dous venres alternos (17 e 31 ás 22.30h) de cinema infantil/familiar.
En agosto inaugúrase a programación do mes, con "PUNKDEMIA", o novo espectáculo da compañía Peter Punk Pallaso, pensado e creado para todas as normalidades. Un espectáculo viral e divertido adaptado a todas as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias. Terá lugar sábado 8 de agosto ás 21h na praza do Seixo.
No mesmo sitio, o venres 14 ás 22.30h poderase gozar do concerto de Brassica Rapa, un grupo de ventos e percusión formado integramente por razapas, que ten como finalidade a visibilización da muller no mundo do espectáculo. A través dun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop a bandas sonoras de películas ou cancións reivindicativas , forman unha agrupación versátil e dinámica.
O 21 de agosto, nenos, nenas e maiores poderán desfrutar do espectáculo de teatro ACUARIO, tamén na praza do Seixo ás 21h. Baseado no libro de poemas de María Canosa que leva o mesmo título, o seu obxectivo é que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega, á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Todo isto faise dun xeito ameno e divertido grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva. Acuario é un conxunto de versos doados e musicais que en ningún momento esquecen o seu propósito didáctico: amosar a maxia do noso patrimonio lingüístico…e mariño.
Pecha o mes de agosto, o venres 28, un concerto da Agrupación Musical de Goián na praza do Seixo, ás 22.30h.
IMPORTANTE: todas as actividades culturais son de balde pero é necesario reservar entrada chamando previamente ao 986 62 2001 (máximo 5 lugares por persoa).
PROGRAMACIÓN DE VERÁN DA OMIX
Con respecto á Programación de verán da OMIX, todos os mozos e mozas poden inscribirse nos cursos de verán que oferta a oficina municipal:
OBRADOIRO SILVESTRE DE PRENSADO DE FLORES (6 horas)
Neste obradoiro realizarase un paseo no exterior, recolectando flores e prantas da nosa contorna, e aprenderase todo o proceso de secado das flores cunha prensa de madeira que se ensinará a construír. Traballarase tamén na selección e composición das flores para crear o propio mini xardín nun bastidor. É unha moi boa ocasión para traballar a mirada e a creatividade mentres se goza dunha actividade ao aire libre. Datas de realización: xoves 16 e 23 de xullo, de 10 a 13h
CURSO DE FOTOGRAFÍA (8 horas)
O curso de fotografía estará baseado na iniciación á fotografía, onde se aprenderá a utilizar a cámara en modo manual para sacarlle o máximo partido e realizar as mellores fotografías. Todas as clases serán no exterior para que o alumnado practique coa cámara en todo momento.
Datas de realización: luns 27 e mércores 29 de xullo, e luns 3 e mércores 5 de agosto, respectivamente, de 10 a 12h.
As inscricións deben facerse na web municipal (www.tomino.gal) e pódese solicitar máis información no whatsapp 604 062 369 ou nos correos electrónicos omix@tomino.gal e educacion@tomino.gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario