O Concello de Tomiño resolve as primeiras 500 incidencias a través da App móbil Línea Verde
Problemas de alumeado público, residuos, baleirado de fosas sépticas e fochancas, son os máis comúns entre a veciñanza
A App móbil Línea Verde do Concello de Tomiño, un servizo de comunicación directo ca cidadanía
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A App móbil Línea Verde do Concello de Tomiño, un servizo de comunicación directo ca cidadanía, vén de acadar as primeiras 500 incidencias resoltas (66%), dun total de 757 presentadas nos tres meses que leva funcionando.
Entre as principais incidencias comunicadas pola veciñanza e resoltas pola Administración Local, figuran en primeiro lugar, polo seu volume, as referidas á iluminación pública (136 casos), seguidas polas de lixo (84) e baleirado de fosas sépticas (81); fochancas (72), vía pública (31), sinalización viaria e outros (30) e escolas (16), entre outras.
O tempo de resolución das incidencias varía dependendo do tipo de problema e dos recursos dispoñibles, sendo de 4 días no caso de baleirado de fosas sépticas, de 7 no caso de peticións relacionadas co alumeado ou de 15 na limpeza de xardíns e zonas verdes.
Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras, valora que tras tres meses de funcionamento, os resultados son bos e salienta a importancia de poder coñecer mellor as necesidades da veciñanza, e poder actuar de maneira máis eficiente, dando solución con maior rapidez ás cuestións comunicadas.
“O persoal xa está adaptado ao novo modelo de traballo. Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa tablet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira correspondente, e ademais, podemos obter estadísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica.
O edil considera esta plataforma moi útil nun municipio tan extenso e disperso como o de Tomiño, xa que axuda a sistematizar e facer máis eficiente a resolución de pequenos traballos, ademáis de mellorar a comunicación entre a cidadanía e o Co concello.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga gratuíta da APP “Linea Verde” dende Google Play ou APP Store. A partir de aí, seleccionar o municipio de Tomiño, e comunicar o problema, pinchando sobre o botón nova incidencia, escoller a tipoloxía e achegar unha foto e unha explicación sinxela sobre a mesma. A persoa recibirá unha notificación no seu teléfono móbil, comentando o progreso de cada caso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario