Areeiro recomenda continuar a vixilancia e extremar o coidado nas aplicacións dos tratamentos contra o mildio nas viñas
O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que aconsella tamén manter o nivel de alerta fronte ao oídio
Areeiro recomenda continuar a vixilancia e extremar o coidado nas aplicacións dos tratamentos contra o mildio nas viñas
Foto: EFA
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que sinala que o mildio
segue a avanzar nas viñas non tratadas, mentres que nas que se fixeron
aplicacións e as revisadas pola EFA vese un maior control das
infeccións, aínda que nalgunhas plantas se observa frutificación nalgúns
acios e tamén nas follas. Por esta razón e tendo en conta que as
previsións meteorolóxicas elevan o nivel de risco, o persoal
especialista da Estación segue a recomendar a revisión constante das
viñas para poder actuar a tempo de frear as infeccións no caso de que
continúe a aparición de novos síntomas.
Amais, Areeiro insiste
na importancia, sobre todo este ano, de facer unhas aplicacións de
tratamentos coidadosas, de calidade e non superar as doses máximas das
etiquetas nin aplicar volumes de caldo extremos, pois pode obterse
precisamente o efecto contrario ao perseguido. No caso das viñas con
exceso de vexetación, que aínda son frecuentes, as condicións favorables
ás enfermidades son máis acusadas e tampouco o produto acada todos os
órganos a protexer, polo que o persoal da EFA aconsella mantela baixo
control, como tamén a do solo.
O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio,
do que xa se observou o primeiro acio de albariño con micelio. Foi o
único indicio do fungo, polo que de momento Areeiro non recomenda
actuar, pero subliña que na actual etapa a uva é moi sensible e o nivel
de alerta debe ser máximo.
No que atinxe ao black-rot, só
se apreciou a evolución na presenza de síntomas en follas dunha viña
abandonada da comarca do Condado, pero non nas demais que foron
revisadas, tratadas ou testemuña sen tratamentos. Neste senso, a EFA
sinala que as condicións previstas a curto prazo non serán tampouco
especialmente sensibles á enfermidade, aínda que por fenoloxía da uva si
existe risco.
Respecto á botrite, o aviso
fitosanitario subliña que a pesar de que houbo algúns días condicións de
temperatura favorables a este fungo, non se observou o micelio do
patóxeno nin nos restos non desprendidos das flores nin nos órganos
necrosados polo mildio, e coas previsións climatolóxicas dos próximos
días o risco será feble.
Doutra banda, no que se refire ás avelaíñas do acio, a EFA sinala que está a finalizar o voo da primeira xeración de Lobesia botrana,
que xa viña diminuíndo nas últimas semanas, polo menos nas trampas
instaladas por Areeiro. Aínda aparecen algúns glomérulos (niños) pero en
niveis que non xustifican a realización de tratamentos, que en todo
caso deben ser dados, se fose necesario, na segunda e/ou terceira
xeración.
E no que respecta a outras pragas de artrópodos,
Areeiro detectou esta semana novos síntomas de erinose nas follas máis
novas dalgunha viña puntual e, de xeito anecdótico, un lixeirísimo
incremento nas poboacións de mosquito verde nunha parcela.
O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutros cultivos e árbores como a pataca e o buxo. No primeiro caso, nas leiras non tratadas é xeral a presenza de ovos, larvas e exemplares adultos de escaravellos. Ademais, as condicións meteorolóxicas previstas poden favorecer tamén o seu desenvolvemento, polo que a EFA recomenda ás persoas agricultoras que, se non fixeron recentemente unha intervención, a fagan, pois estes insectos poden eliminar totalmente a parte verde da planta en poucos días.
O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutros cultivos e árbores como a pataca e o buxo. No primeiro caso, nas leiras non tratadas é xeral a presenza de ovos, larvas e exemplares adultos de escaravellos. Ademais, as condicións meteorolóxicas previstas poden favorecer tamén o seu desenvolvemento, polo que a EFA recomenda ás persoas agricultoras que, se non fixeron recentemente unha intervención, a fagan, pois estes insectos poden eliminar totalmente a parte verde da planta en poucos días.
No que se refire á bolboreta do buxo,
nas trampas instaladas por Areeiro non se capturou ningún adulto, pero
observouse nunha sebe as primeiras postas. De momento a EFA sinala que
non é preciso tratar, pero si incrementar a vixilancia porque, aínda que
neste momento os gromos están completamente sans, algúns dos ovos
estaban máis evolucionados e poden nacer as eirugas nos próximos días.
Hai que lembrar que mentres
permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os
percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de
seguimento habitual, que está formada polas parcelas de
seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e
os datos aportados por persoal técnico e viticultor. Areeiro destaca
que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada
finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario