A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra reabre as instalacións e inicia o prazo de preinscrición para o vindeiro curso
Cun exhaustivo protocolo fronte á COVID-19, o centro abriu as súas portas para traballos administrativos e no obradoiro, así como para a docencia presencial cara ao alumnado que voluntariamente decida asistir ás clases
Foto: D.PO.
Infogauda / Poio (Pontevedra)
A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra acaba de reabrir
esta semana as súas instalacións, baixo un estrito protocolo de medidas
de protección e prevención fronte á Covid-19. Ademais, o centro acaba de
iniciar tamén o procedemento de preinscrición para os estudos de
Cantería correspondente ao vindeiro curso 2020-2021.
O devandito
protocolo para o desenvolvemento da actividade no centro con plenas
garantías sanitarias estableceu a súa apertura para a realización de
funcións administrativas, traballos no obradoiro e a docencia presencial
para o alumnado que voluntariamente decida vir ás clases, respectando
en todo caso a distancia interpersoal de dous metros. No que atinxe ás
materias de aula (teóricas) continúase coas clases en liña para
estudantes de primeiro, segundo e terceiro curso de Cantería.
Doutra banda, intensificáronse as medidas de limpeza e desinfección nas
instalacións, utensilios e materiais. Entre outras medidas, cada aula ou
zona de obradoiro están dotadas de xel hidroalcohólico e dun recipiente
específico para a eliminación de material para refugar e todas as
persoas deben usar máscaras nos espazos do centro. Doutra banda, o
alumnado, persoal de obradoiro e profesorado debe de dispoñer das súas
ferramentas de traballo e proceder á súa desinfección unha vez
finalizado o seu uso. Ademais, se intensificou tamén o lavado de mans de
forma regular entre o alumnado e os vestiarios e aseos úsanse de modo
individualizado.
No que respecta ao prazo de
preinscrición para estudar no centro o vindeiro curso 2020-2021 as
titulacións de Cantería ou de mestre/a de Cantería, estará aberto ata o
14 de setembro. As persoas interesadas só teñen que cubrir un formulario
dispoñible na páxina web da escola, escoladecanteria.depo.gal. Posteriormente, do 17 ao 28 de setembro, terán que formalizar a matrícula achegando toda a documentación necesaria.
Para acceder aos estudos de Cantería é necesario posuír un título de
graduado escolar ou equivalente. Son tres anos de formación teórica,
pero sobre todo práctica, e hai 25 prazas dispoñibles para cada curso.
Os ámbitos profesionais futuros ao rematar os estudos céntranse sobre
todo na construción, na escultura, na restauración e na rehabilitación. E
para optar aos estudos de mestre/a de Cantería, é necesario ter o
título de Cantería e son dous anos de formación. Son tamén 25 prazas por
curso.
Os estudos que realizan as alumnas e alumnos na Escola
de Cantería son eminentemente prácticos e supoñen a realización de
múltiples obras e traballos durante o tempo de formación. Moitas destas
obras, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peañas
ou construcións arquitectónicas rematan en lugares de toda Galicia, de
toda España e tamén do estranxeiro, como en Brasil, México, Arxentina,
Panamá ou Portugal. Ademais, antigas alumnas e alumnos da escola
chegaron a traballar en sitios emblemáticos de todo o mundo, coma na
restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa,
así como actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de
Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario