Areeiro aconsella tratar contra o mildio as viñas que xa finalizaran a protección anterior, ante a previsión de choivas que favorecerán o avance do fungo
O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén recomenda engadir antioídio aos tratamentos antimildio para previr a enfermidade
Areeiro recomenda tratar o antes posible as
viñas que xa teñan finalizada a protección anterior (ou que estean a
punto de concluíla)
Foto: EFA
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica Areeiro,
centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo
aviso fitosanitario no que sinala que nos últimos días produciuse unha
contención no desenvolvemento xeral do mildio nas
viñas, favorecida polo tempo seco e con ventos do norte, pero o cambio
na climatoloxía previsto para os vindeiros días, coa volta das choivas a
partir de mañá xoves ou venres, favorecerá novamente a frutificación do
fungo. Por esta razón, Areeiro recomenda tratar o antes posible as
viñas que xa teñan finalizada a protección anterior (ou que estean a
punto de concluíla) e que presenten síntomas activos. Nas outras, as
revisións deberán seguir sendo continuas, para poder actuar a tempo se
fose necesario nos períodos de claros que, segundo as previsións, haberá
na climatoloxía dos próximos días. A EFA lembra ás persoas viticultoras
que o mantemento dun ambiente aireado na viña favorece a penetración
dos produtos e reduce en si mesmo o risco de avance deste e doutros
patóxenos.
O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio
nas viñas. Areeiro comprobou que a enfermidade estendeuse na planta
onde a semana anterior xa detectara o primeiro acio de albariño afectado
e, neste senso, apunta a que o actual período é de moita sensibilidade
das plantas a este fungo, polo que é recomendable continuar engadindo
antioído a todos os tratamentos antimildio, ao menos mentres continúe o
momento de risco.
No que atinxe ao black-rot, o
actual período da fenoloxía da vide provoca que os acios sexan moi
sensibles a este patóxeno. Aínda que co tempo seco dos últimos días non
houbo avance na enfermidade nas plantas revisadas, a EFA sinala que as
condicións climatolóxicas previstas serán favorables, e por iso
recomenda que no caso de facer tratamentos antimildio e antioídio as
persoas viticultoras elixan materias activas con acción fronte a este
outro patóxeno, polo menos nas viñas onde haxa algún síntoma.
Respecto á botrite,
non houbo condicións meteorolóxicas que favoreceran a este fungo, e
pese as condicións de humidade previstas para os próximos días, Areeiro
subliña que neste período do ano non se esperan danos debido a que, polo
menos os acios secos por mildio procedentes das contaminacións pasadas,
onde se podería instalar o fungo, xa se están desprendendo e tampouco
hai apenas restos florais adheridos.
Doutra banda, no que se refire ás avelaíñas do acio, a EFA sinala que as capturas de machos da primeira xeración de Lobesia botrana reducíronse esta semana, e o número de niños ou glomérulos das eirugas atopados nos controis aos acios é esporádico.
E no que respecta a outras pragas de artrópodos,
Areeiro sinala que as trampas amarelas para a captura de cicadelidos
permanecen en xeral bastante baleiras nestes momentos da campaña, e
tampouco se atoparon apenas ninfas nos recontos realizados ás follas.
Polo demais, segue a haber algo de erinose nalgunhas viñas e, nunha do
Rosal, síntomas esporádicos de Janetiella oenophila, pero sen importancia.
O aviso fitosanitario advirte tamén sobre a bolboreta do buxo.
Neste senso, recoméndase incrementar a vixilancia, xa que se atoparon
algunhas postas máis na revisión desta semana aos buxos, e tamén, de
xeito puntual, as primeiras eirugas neonatas alimentándose.
Hai que lembrar que mentres
permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os
percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de
seguimento habitual, que está formada polas parcelas de
seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e
os datos aportados por persoal técnico e viticultor. Areeiro destaca
que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada
finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario