O Concello do Rosal esixirá a reapertura da consulta do Centro de Saúde de Tabagón e a recuperación de pediatría
A alcaldesa, Ánxela Fernández, ten solicitada unha reunión co Conselleiro de Sanidade para abordar estes temas e reivindicar que se aumente a dotación médica durante o verán
Infogauda / O Rosal
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, ten solicitada unha reunión co responsable da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, “para abordar - tal e como fixo público o Equipo de Goberno do Concello do Rosal - a precaria situación sanitaria que está a vivir o municipio e que ten previsión de agravarse nos meses de verán ao non cubrir as vacacións dos profesionais”. Por este motivo, “o obxectivo desta reunión será reivindicar a necesidade de non reducir a dotación médica durante os meses de xullo e agosto e mesmo aumentar o persoal para reducir a longa lista de agarda para unha cita de atención primaria e poder dar resposta ao aumento de poboación no Rosal durante estes meses”.
Nesta reunión, a alcaldesa tamén esixirá “a reapertura do Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón, actualmente pechado pola Consellería de Sanidade ao considerar que non reúne as condicións sanitarias precisas para facer fronte á crise da Covid-19. Dende o inicio do estado de alarma, os pacientes que acudían a este centro foron desprazados ao Centro de Saúde da Guarda e, dende o pasado 1 de xuño, trasladados ao Centro de Saúde do Rosal”. Ánxela Fernández pedirá “a reapertura deste consultorio á maior brevidade posible en canto o permitan as condicións sanitarias, evitando os continuos desprazamentos, cambios e incomodidades para as e os pacientes asignados a este centro de saúde”.
Durante o encontro tamén “se reclamará a recuperación da consulta de pediatría no Centro de Saúde do Rosal, que foi desprazada á Guarda para liberar espazo neste centro de saúde para acoller aos pacientes da consulta de San Miguel de Tabagón, deixando ao municipio rosaleiro sen servizo e obrigando ás familias a desprazarse”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario