5 de xuño de 2020

O BAIXO MIÑO

Ana Pontón critica a incapacidade de Feixóo para dar solucións aos concellos galegos da “raia” incomunicados polo peche da fronteira  

· Pide a apertura inmediata de novos pasos e avanza que un Goberno liderado polo BNG afondará nas relacións con Portugal e fará da eurorrexión elemento clave de desenvolvemento económico  

· Luís Bará: “É inxusto poñer ao turismo ao mesmo nivel que as necesidades dos traballadores e traballadoras” 

Esta mañá, na Ponte da Amizade, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, con Ánxela Fernández e Sandra González, alcaldesas do Rosal e de Tomiño, respectivamenhte; Luís Bará, cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, e cargos institucionais e orgánicos do BNG dos concellos afectados polo peche da fronteira con Portugal 
Foto: BNG


Infogauda / Goián (Tomiño)

 A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, desprazouse este venres até a Ponte da Amizade, entre Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira, para trasladar o apoio do BNG aos veciños e veciñas dun e outro lado da “raia”, que levan tres meses de confinamento cun só paso fronteirizo aberto pese a que 44.000 persoas teñen que desprazase a diario a ambas beiras do río Miño por razóns de traballo, económicas ou de relación social.  

 “Vemos como esta zona de intensas relacións económicas, comerciais, laborais e persoais está nunha situación de incomunicación que obriga á veciñanza a dar rodeos de centos de quilómetros para poder ir ao traballo ou facer outras xestións percorrendo distancias que, en condicións normais, están a puñado de quilómetros, un problema engadido á grave crise derivada da Covid-19”, salientou Pontón.   

 Para a candidata a Presidencia da Xunta de Galicia, non ten sentido que só haxa un paso fronteirizo nunha zona de tanta intensidade de tránsito de vehículos e persoas e na que hai a mesma situación epidemiolóxica e, por tanto, non hai ningún risco: “esta situación só se explica pola incompetencia de quen neste momento está nos gobernos”, denunciou.  

 Pontón argumentou que o que está pasando na fronteira entre Galiza é Portugal é consecuencia “de que se tomen decisións sobre os nosos intereses a 600 quilómetros desde un despacho de Madrid, onde se ve moi lonxe o que lle poida pasar ao Rosal, ao concello de Tomiño ou ao concello das Neves, e non entenden esta realidade”.  

 A líder nacionalista foi moi crítica coa inacción política do presidente da Xunta, de brazos cruzados ante un problema que afecta directamente a 150.000 galegos e galegas.  

 “Esta situación tamén e consecuencia dun Feixóo que se parapeta tras os medios de comunicación pero non da a cara pola veciñanza desta zona que leva tres meses reclamando máis pasos para evitar a incomunicación”, alegou. “E tamén consecuencia - incidiu Pontón - dun Goberno central que vive na improvisación, que pola mañá da unha data para a apertura de fronteiras, que pola tarde rectifica e equivócanse porque o que hai que facer é abrir canto antes as fronteiras e, como mínimo, no inmediato habilitar máis pasos que eviten a situación inxusta que soportan os  e as traballadoras, cun prexuízo tan grande que para moitas persoas non lles compensa ir traballar porque é máis o que gastan en desprazamentos que o que van obter en salarios”. 


Ana Pontón e Luís Bará, na Ponte da Amizade

  Pontón fixo tamén unha reflexión en relación a situación derivada do Covid-19, que evidencia a importancia para Galiza de traballar na eurorrexión e entender as relacións transfronteirizas como un eixo fundamental de desenvolvemento económico.  

 “Hoxe temos un presidente da Xunta que non mira para Portugal, que non mira para as oportunidades que ofrece a eurorrexión e que simplemente se comporta como un delegado do Goberno e non como presidente de Galiza. Por iso, un dos compromisos do BNG se o 12 de xullo obtemos o respaldo suficiente para liderar o próximo goberno galego é facer un eixo central da cooperación transfronteiriza e traballar nas relacións económicas e culturais e nos vínculos que existen a un lado e outro da raia porque esa é unha oportunidade que non podemos deixar pasar”, explicou Pontón.  

 “Non o podíamos facer nunca e moito menos nunha situación de crise como a que temos agora e cando se necesita a fronte do Goberno galego a unha presidenta disposta a establecer unhas relacións de normalidade con Portugal e facer diso un elemento de desenvolvemento económico desta zona”, recalcou.  

Controversia coa data de apertura de fronteiras 

 Pola súa parte, o cabeza de lista da provincia de Pontevedra, Luís Bará, salientou a importancia de que, fronte ás controversias coa data de apertura xeral de fronteiras para o turismo, a apertura de pasos para as persoas traballadoras debe ser inmediata e, se cabe, adaptada a horarios laborais para facilitar a mobilidade das persoas que traballan a un lado e viven a outro da 'raia'.  

 Insistiu en que resulta tremendamente inxusto poñer ao mesmo nivel o turismo e as necesidades das e dos traballadores, que deben asumir os custes económicos de desprazarse centos de quilómetros de rodeos e o gasto en tempo de facer eses percorridos e esperar nas colas de Tui-Valença do Minho.   

 Está ben que se potencie a chegada de visitantes, pero o principal, o necesario e imperioso, é facilitar a actividade económica de toda a fronteira e das e dos seus traballadores, que agora mesmo está afogada. Non é suficiente dicir que se abren en xeral as fronteiras nin o 1 de xullo nin tampouco o 22 de xuño, finalizou.  

 No seu desprazamento até a Ponte da Amizade, en Goián, Ana Pontón e Luís Bará estiveron acompañados por alcaldes, alcaldesas e cargos institucionais e orgánicos do BNG dos concellos afectados polo peche da fronteira con Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario