BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés despídese da European League (26-31; 61-54 global)
• O equipo baixomiñoto volveu caer este domingo ante un Boden que confirmou a súa superioridade do primeiro partido, despedíndose así da European League na súa primeira eliminatoria
• O Atlético Guardés non deixou de crer e pelexou cada minuto, chegando a estar por diante e a ter boas recuperacións por intervalos grazas a unha defensa adiantada e a un espírito que non decaeu no pavillón da Sangriña
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés confirma a súa inferioridade e cae de novo ante o Boden Handboll sueco, despedíndose do seu futuro na EHF European League por esta tempada. Un partido de volta de novo moi físico e esixente durante os 60 minutos deixou moi por encima ás nórdicas, sumando á súa renda de dous goles do primeiro partido outros cinco no marcador final (26-31; 61-54 global). O equipo baixomiñoto non baixa a cabeza e céntrase agora nas competicións españolas.
O encontro non comezou cun liderado claro, senón que estivo moi disputado durante os seus primeiros minutos. Pronto volveu aparecer Börjesson baixo paus con intencións de meterse no peto de novo ao ataque local. Pero a confianza guardesa non se viu minguada e ao minuto 9, unha recuperación de Noelia Solla que despois puido transformar en gol con asistencia de Ceci Cacheda anotaba o 4-5, para que unha parada de Ana Marín e o seguinte gol de Blazka Hauptman marcasen o primeiro empate (5-5, min. 10).
Tres perdas consecutivas de mans suecas daban esperanzas ao anfitrión, xunto cunha porteira malagueña tamén bastante metida no partido neste comezo. Instantes despois, a base de seguir apertando, o Atlético Guardés colocábase por primeira vez por diante (7-6, min. 13).
Pero as rivais nórdicas pronto identificaron os seus erros para corrixilos de inmediato e envorcar a balanza cara ao seu lado. Fisicamente, tiñan as de gañar, tal como sucedese no primeiro encontro, e dous roubos de balón practicamente seguidos volvían abrir un oco perigoso e obrigaban a Prades a parar o tempo por primeira vez (9-12, min. 18).
A partir de aí, o encontro púxose costa arriba para o equipo baixomiñoto. A actuación arbitral comezaba a poñer dos nervios ás galegas (e a toda a bancada ao seu favor) e minutos despois a renda crecía, coas exclusións de Nerea Gil primeiro e de Hauptman despois deixando ao anfitrión en dobre inferioridade. Prades volvía solicitar o tempo morto, intentando frear a dinámica que estaba a tomar o duelo (10-14, min. 25). Pero non houbo xa moito que facer antes do descanso, a pesar de que as locais se deixasen a alma por cada balón, e ambos os equipos fóronse aos vestiarios con cinco tantos de diferenza (13-18, min. 30).
A segunda parte foi máis positiva para o equipo de azul, que propuxo unha defensa avanzada practicamente a 3-3 que, agora si, poñía en verdadeiros aprietos ás escandinavas. Con todo, a pesar de numerosos bos minutos a nivel defensivo, o ataque seguía conxestionado, repetíndose os erros no lanzamento desde os extremos e véndose todas as xogadoras moi asoballadas pola agresiva barreira rival- Acabábase o tempo, e o bo ritmo guardés que parecía que podía chegar a algunha parte víase embazado por dúas exclusións moi próximas de Solla (17-24, min. 39).
Con ela e Hauptman xa na corda frouxa, a defensa miñota non tiña outra cousa que intentar que seguir apertando. Á desesperada, fixeron perder ao Boden varios balóns despois transformados, pechando o oco aos poucos cun parcial 4-1 que fixo soñar á bancada durante uns instantes (21-24, min. 43).
Pero o último cuarto sería unha mostra máis da tónica de todo o partido. As visitantes eran simplemente superiores, vencendo no aspecto físico do ataque e aguantando todos os un contra un defensivos con maior facilidade. E aínda que Sabina Mínguez freou balóns importantes na segunda metade, tanto os erros no lanzamento como o acerto da gardameta rival impediron que as paradas da mislateña puidesen ter máis efecto.
A destacar, a tarxeta vermella de Noelia por acumulación de exclusións e, nun ton máis positivo, os minutos que puido sumar a xuvenil Sabela Lomba, competindo de ti a ti e sumando sensacións contra xogadoras de experiencia e envergadura.
O tempo terminou o soño europeo do Atlético Guardés desvaneceuse, a pesar dos intentos ata o final, co único consolo de pelexar durante 120 minutos de altísimo nivel e sen perder a esperanza nin un deles (26-31; 61-54 o global). Agora, a centrarse nas competicións nacionais, coa visita ligueira do Beti-Onak o vindeiro sábado á Sangriña como primeira cita importante.
Balonmán Atlético Guardés (13+13): Rosane Serrano (3), Blakza Hauptman (3), Cecilia Cacheda (4), Nerea Gil (2), Ania Ramos (2), Aintzane García, Noelia Solla (1), África Sempere (2), Silvia Leiras, María Palomo (4), Cristina Cifuentes (2), Carme Castro (1), Daniela García (1), Sabela Lomba, Ana Marín (p.) e Sabina Mínguez (p.).
Boden Handboll IF (18+13): Isabelle Andersson (2), Carla Thomsen (4), Mia Lagumdzija (8), Lina Lützhoft (3), Ida Lindlöf (4), Frida Höglund (4), Sofie Börjesson (p.), Nicoline Vendelborg (1), Lorin Sendi (2), Donna Bakker (2), Line Hegglund, Sara Nordström, Elsa Öst (1), Moa Nilsson e Selma Hasanbegovic (p.).
Marcador cada cinco minutos: 2-3, 4-5, 7-8, 10-12, 10-13, 13-18, 16-20, 18-24, 22-25, 23-27, 24-29, 26-31.
Árbitros: Alexandre Bragança e Hugo Xavier Dias. Amoestaron con tarxeta amarela ao visitante José Ignacio Prades (adestrador) e excluíron con dous minutos ás locais Blazka Hauptman (2), Nerea Gil e Noelia Solla (3) e ás visitantes Frida Höglund (2) e Lorin Sendi. Expulsaron con tarxeta vermella por acumulación de exclusións á local Noelia Solla (min. 54).
Incidencias: Partido de volta da Round 2 da EHF European League, disputado no pavillón da Sangriña.



Ningún comentario:
Publicar un comentario