30 de xuño de 2020

LABORAL

O persoal de Thenaisie leva as súas reivindicacións a un acto electoral de Feijóo en Vigo

· As traballadoras/es da conserveira grovense instan a Xunta a desbloquear a venda da empresa 

O cadro de persoal da conserveira grovense Thenaisie Provote mobilizouse hoxe en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O cadro de persoal da conserveira grovense Thenaisie Provote mobilizouse hoxe en Vigo coincidindo coa celebración dun acto electoral do presidente da Xunta no Círculo de Empresarios para reclamarlle que se poña á fronte para desbloquear o proceso de venda da compañía.  

 “Feijóo, escoita, Thenaise está en loita”, “Non pode ser, que haxa comprador e Garrigues sen vender” e “Feijóo, cacique, Galiza vai a pique” foron as consignas máis escoitadas durante a concentración, que se prolongou por espazo dunha hora ás portas das torres de García Barbón.   

 Unha representación sindical, coa presidenta do comité á cabeza, intentou manter un encontro con Feijóo, pero tras agardar ás portas do edificio por unha resposta o persoal de gabinete do presidente da Xunta díxolles que cando rematase o acto -dunhas dúas horas de duración- poderían trasladarlle a solicitude a Feijóo, polo que optaron por abandonar a protesta.  

 Con todo, adiantaron que seguirán a mobilizarse até que non se atope unha solución que garanta a continuidade do proxecto industrial e o mantemento dos 125 empregos distribuídos nos dous centros de traballo de Thenaisie: a fábrica do Grove e as instalacións de loxística en Mos. De feito, este domingo día 5 teñen convocada unha nova manifestación, que arrincará do Concello do Grove ás 11:30 horas.  

 Consideran que unha vez rematado o prazo fixado polo inversor galego interesado en adquirir a fábrica para que se aceptase a súa proposta, e ante a imposibilidade de seguir a negociar co grupo romanés Scandia Food -propietario da conserveira-, ten que ser a Xunta a que se poña á fronte para intentar desbloquear o proceso de venda da compañía, que se atopa en concurso de acredores.  

 Con este ánimo a representación sindical acudirá á reunión que terá lugar este mércores coa directora xeral de Pesca e co Igape. “O Goberno galego ten que garantir que a proposta que hai enriba da mesa de recuperar a actividade industrial e manter o emprego vaia adiante; o empresario retírase porque di que non se pode negociar con Scandia, pero retomaría a súa oferta se se desbloquea a situación”, indican.

Ningún comentario:

Publicar un comentario