A Xunta de Galicia súmase ás demandas dos produtores de planta ornamental e flor cortada e doutras comunidades para reclamar ao estado axudas directas ao sector
O Goberno galego insta ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a defender en Bruxelas unhas empresas que acumulan perdas superiores aos 440 millóns de euros por mor da crise da covid-19
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia súmase ás demandas dos
produtores de planta ornamental e flor cortada, así como doutras
comunidades autónomas, para reclamar ao Estado axudas directas para este
sector afectado pola emerxencia sanitaria. En concreto, o Goberno
galego apoia a causa doutras comunidades autónomas, da Asociación Galega
de Cooperativas Agrarias (Agaca) e das organizacións do sector,
incluídas as de Galicia, que remitiron senllas cartas ao ministro de
Agricultura, Pesca y Alimentación instándoo a aprobar achegas urxentes
para paliar a crise derivada da covid-19.
A Xunta considera que o
regulamento da Comisión Europea polo que se autorizaron medidas para a
estabilización do sector das plantas vivas e flores cortadas quedou
curto, malia recoñecerse o seu marcado carácter estacional, centrado na
primavera. Así, sinala que o peche dos establecementos durante o
confinamento impediu a venda para eventos ou o turismo, as adquisicións
por parte de particulares para, por exemplo, acondicionar as súas
segundas vivendas e tamén a venda para a plantación en parques e
xardíns.
Nesa liña, o Goberno galego destaca que España foi o país
da Unión Europea máis prexudicado, ao ser o único no que as tendas de
flores e viveiros estiveron pechadas dous meses. Polo tanto, non se
entende que este sector tan castigado pola pandemia -que acumula perdas
superiores aos 440 millóns de euros- non goce de ningún réxime de axuda
sectorial e teña tan pouco respaldo financeiro no regulamento de
execución da Comisión Europea.
Así, ante a preocupación na
materia, a Xunta reclama estas achegas en beneficio de pequenas e
medianas empresas e explotacións e pon de relevo o esforzo do sector,
que se concentra na produción e subministración para atender o groso das
vendas en poucos meses. O investimento en medios e man de obra –engade-
xa estaba moi avanzado cando a mediados de marzo a crise sanitaria puxo
fin á campaña de comercialización, deixando en suspenso a multitude de
operadores.
A maiores, o Goberno galego sinala que a demanda
española e comunitaria se mantén á alza polo que se se perden operadores
no país, será en beneficio doutros Estados membros, que están
demostrando -apunta- un gran compromiso institucional cos seus
produtores, como é o caso dos Países Baixos, de aí a importancia de
implementar medidas directas que palíen a situación económica deste
sector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario