A Xunta de Galicia solicítalle ao Ministerio de Sanidade avanzar cara á Fase 3 da desescalada
O informe tamén incorpora a solicitude de mobilidade interprovincial entre as catro provincias galegas
A comunidade galega é o segundo territorio con menor taxa de letalidade tras Canarias
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez
Almuiña, compareceu esta mañá en rolda de prensa telemática
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez
Almuiña, compareceu esta mañá en rolda de prensa telemática para
anunciar que o Sergas vén de solicitarlle ao Ministerio de Sanidade o
avance da comunidade galega cara á terceira fase da desescalada a
partires da vindeira semana e a supresión dos límites de mobilidade
entre as catro provincias galegas.
Acompañado polo director xeral
de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e máis o subdirector de
Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, Almuiña comezou a
súa intervención destacando a evolución favorable que segue a amosar a
pandemia da covid-19 en Galicia, de acordo aos datos recollidos durante
os últimos días.
Así, e tras lembrar que pasado mañá se cumprirán
xa tres meses desde que se detectara o primeiro caso de coronavirus na
comunidade galega, Almuiña apuntou que o novo informe trasladado pola
Consellería de Sanidade ao Ministerio, inclúe un total de 159 páxinas
nas que se detallan os diferentes indicadores que miden a evolución da
pandemia da covid-19, e que deberan permitir pasar á seguinte fase da
desescalada a Galicia.
O conselleiro puxo en valor a capacidade
que posúe Servizo Galego de Saúde á hora de realizar probas de diagnose,
explicando que até o pasado 11 de maio, levábanse realizadas 8.761
probas PCR nos centros de Atención Primaria, e 4.825 nos hospitais.
Neste mesma liña, remarcou o incremento na capacidade de detección de
novos casos do Sergas, puntualizando que segundo os datos
epidemiolóxicos que se desprenden das probas, no transcurso dos últimos
16 días, o número de casos positivos rexistrados están en torno ao 1%.
O
titular de Sanidade tamén destacou que nos últimos dous días non se
produciron falecementos en Galicia e puxo en valor o feito de que a
comunidade galega é a segunda con menor taxa de letalidade de todo o
territorio español cun 6.67%, tan só por detrás de Canarias (6.49%).
Durante
a súa intervención, Almuiña repasou os derradeiros datos que deixa a
pandemia da covid-19 en Galicia, explicando que o número total de
afectados acumulado é de 11.314, que na actualidade hai 677 casos
activos e en seguimento no seu domicilio, 27 persoas en unidades de
hospitalización, e 3 pacientes que permanecen nas UCI dos complexos
hospitalarios de Santiago, Lugo e Vigo (Povisa).
Respecto das
probas diagnósticas, sinalou que en Galicia até de agora lévanse
realizadas no un total de 319.109 probas, das que 144.226 foron PCR e
174.883 test serolóxicos. Neste senso, apuntou o comezo inminente de
diferentes programas de cribados de poboacións vulnerables, como poden
ser os mariñeiros ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Así
mesmo, apostilou Almuiña, a documentación trasladada polo departamento
sanitario galego ao Ministerio reitera a solicitude de rematar coas
limitacións de mobilidade existentes entre as catro provincias galegas.
Pola
súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, puxo o
foco no bo funcionamento da rede de Vixilancia de Atención Primaria,
expoñendo que xa se levan identificado, até hoxe, 2.040 casos
sospeitosos de covid-19 e que, tras realizárllelas probas aos pacientes
que presentaban a devandita sintomatoloxía, un total de 8 persoas deron
positivo.
Xunto con isto, Aboal tamén destacou o traballo da
plataforma de seguimento das persoas que tiveron contacto cunha persoa
covid positivo, apuntando que nestes intres, 176 persoas están en
seguimento.
O director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas,
incidiu na capacidade de resposta que mantén o sistema sanitario galego á
hora de realizar PCR, destacando a novidosa técnica do Pooling que se
está a empregar en Galicia, a incorporación de dous robots nos centros
hospitalarios de Santiago e a Coruña, cos que se poderán procesar até
2400 probas ao día por centro, e os bos resultados que se están a
desprender da aplicación do plasma hiperinmune en paciente covid-19, e
da que xa se beneficiaron seis persoas.
Por último, Aboal
comunicou que se está a reactivar a actividade asistencial do Servizo
Galego de Saúde e que paseniñamente se retomara a actividade quirúrxica
habitual.
Finalmente, o subdirector de Información sobre Saúde e
Epidemioloxía, Xurxo Hervada, subliñou o carácter descendente que segue a
amosar a curva de contaxios en Galicia. En concreto, durante os últimos
3 días un total de 306 concellos galegos non rexistraron casos de
transmisión comunitaria; durante os últimos 7 días foron 277 concellos
sen transmisión comunitaria; nos últimos 14 días a cifra de 273
concellos e, finalmente, durante os últimos 28 días, un total de 229
concellos, non tiveron casos de transmisión comunitaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario