O Concello continúa o labor de acondicionamento das praias guardesas
·De cara ao comezo oficial da tempada de praias, o 15 de xuño
·De cara ao comezo oficial da tempada de praias, o 15 de xuño
Vista parcial da praia Area Grande
Foto: Arquivo / C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Coa entrada na fase 2 da chamada "desescalada", ou transición a que as autoridades sanitarias deron en denominar nova normalidade; o Grupo de Goberno Municipal do Concello de A Guarda lembra nun comunicado que vén de facer público no día de hoxe, que "o día 25 de maio, procedeuse a apertura das praias como zonas de baño".
O executivo local refire tamén que "ante a emerxencia sanitaria provocada pola Covid-19, as praias foron acondicionadas para súa reapertura, seguindo as recomendacións publicadas no documento elaborado polo Ministerio de Sanidad.
Unha acción importante é a informativa polo que se instalaron nos principais accesos das praias da localidade, carteis informativos coas indicacións de distancia social e comportamento.
Outra medida destacada é a hixiene, motivo polo que o Concello de A Guarda elaborou un plan de limpeza dos aseos das praias para dar así cumprimento as medidas sanitarias para evitar o contaxio do Covid-19. Este plan de limpeza comezou o día 1 de xuño e continuará ata setembro.
Por último, indicar que dende hai xa algunhas semanas, se está procedendo a limpeza dos areais e continuarán durante estas semanas as labores de desbroce para que ao comezo oficial da tempada de praias, o 15 de xuño, xa estean acondicionadas as instalacións e o entorno das nosas praias".
RETOMADA Á OBRA DE MELLORA E ACONDICIONAMENTO DOS ACCESOS Á PRAIA DO FORTE (CAMPOSANCOS)
O executivo local informa tamén que, na praia do Forte (Camposancos), estase a levar a cabo a Obra de mellora e acondicionamento dos accesos á praia, que como outras accións, sufriu a paralización ocasionada pola grave pandemia do Covid-19. "Estase traballando para ter rematada dita obra de mellora o antes posible, polo que rogamos a comprensión dos bañistas e visitantes deste espazo. Somos coñecedores de que as obras poden ocasionar malestar, pero unha vez rematada, mellorará moito o acceso principal a este areal, para desfrute de todos e todas", afirman desde o Goberno municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario