9 de xuño de 2020

A GUARDA

As praias de O Forte e Area Grande, distinguidas un ano máis, coa Bandeira Azul 

· Tamén lle foi outorgado o distintivo “Sendeiro Azul”, a senda litoral que une ambos areais

       Vista parcial da praia Area Grande
Panorámica da praia do Forte, en Camposancos (A Guarda)
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda  

 Un ano máis as praias de O Forte (Camposancos) e Area Grande (A Guarda), no concello guardés, lucirán o distintivo internacional de Bandeira Azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.

 Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.  

 A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE), fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán. 

 Nesa resolución tamén lle foi outorgado o distintivo “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Esta senda litoral ten o recoñecemento dende o ano 2013.  

 A finais do pasado ano o Concello de A Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e a senda conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable. 

 En total, 688 bandeiras azuis ondearán este ano en España: en 589 areais; 98 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 5 embarcacións turísticas sostibles. Para A Guarda outorgáronse este ano dúas Bandeiras Azuis, que forman parte do total de 107 areais con este distintivo en Galicia.

 O executivo do Concello de A Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

 Porén, debido as obras de mellora da accesibilidade na Praia do Forte, que se tiñan previsto rematar antes da tempada estival, e que sufriron un retraso por mor da situación provocada polo Covid-19, non ondeará a bandeira azul ata que rematen ditas obras e se poda dar o servizo nas condicións propias deste distintivo de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario