29 de xuño de 2020

A GUARDA

SAN XEROME DE NOVO EN MOVEMENTO 

Asociación San Xerome Emiliani / A Guarda

 Despois deste período de cambios que nos tocou vivir nos últimos tempos, debido á incerteza e grande risco provocados pola crise sanitaria do covid-19, que nos obrigou a pecharnos nas nosas casas, a distanciarnos das persoas e a suspender todo tipo de actividades colectivas; a pesares de seguir con certo “medo no corpo”, que superamos adoptando estritas medidas de prevención, prevención e máis prevención coas que poidamos ofrecer garantías de seguridade e tranquilidade ás nosas persoas usuarias e as súas familias, San Xerome, por fin, volve a retomar algunhas das súas actividades.  

 Este intenso período de “parón social”, nos serviu para traballar duramente en repensar os nosos servizos e actividades, e buscar as formas más axeitadas de seguir acompañando e apoiando os proxectos de vidas das nosas persoas usuarias, a nosa razón de ser.  

 Mudamos a nosa organización, o xeito en que prestamos os nosos servizos, para adaptalos ás novas circunstancias, para garantir en todo momento a máxima seguridade, benestar e prevención. Pero o que non mudamos é a nosa esencia, o noso compromiso coas persoas e os seus soños, para iso estamos novamente eiquí, ao pé do cañón, desexando compartir sorrisos cos ollos, que consigan sobrepasar e facer fronte a calquera mascarilla, por imprescindible que sexa.  

 A partires da semana que ven retomaremos unha chea de actividades dirixidas ás nosas persoas. O servizo de Adultos reanuda actividades, mudando de forma para ofrecer apoios individualizados de tres xeitos diferentes, no domicilios das persoas usuarias, na contorna, ou no noso Centro con cita previa e de xeito individual. Tamén a formación para o emprego cos proxectos de Formación Dual en Limpeza e o proxecto XE-MENTE INNOVACIÓN, sobre agroecoloxía. E para non descuidar o lecer e tempo libre, dous Campamentos urbanos, un dirixido ao alumnado do noso Centro Educativo e outro ás persoas adultas, son algunhas das propostas que podemos ofrecer ao longo destes meses de verán, para que as nosas persoas e familias poidan recuperar un pouquiño de novo as súas vidas e as súas rutinas, asumindo este novo reto con grande responsabilidade e ilusión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario